

Carmen R. Dacosta sinalou que este mesmo mes de marzo houbo incendios no Xurés, en Viana do Bolo e onte ao pé do castelo de Monterrei “e o Pladiga sen aprobarse”
A deputada socialista alerta de que o 61,3% das solicitudes de axudas polos lumes de 2025 continúan sen resolverse
Os incendios foron en agosto. Estamos en marzo. E a maioría dos afectados segue esperando. Esa é a radiografía que a deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta trazou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia ao denunciar que o 61,3% das solicitudes de axuda a agricultores, gandeiros e apicultores afectados polos lumes do verán de 2025 continúan sen resolverse. Un dato que non provén da oposición: é a propia Xunta quen o recoñeceu en comisión parlamentaria.
Das 1.550 solicitudes presentadas, máis de 1.300 son da provincia de Ourense, que concentra case o 90% dos expedientes. Ourense foi unha das zonas máis arrasadas polos lumes e conta hoxe con apenas 3.740 afiliados na agricultura e na gandería, o mínimo histórico. “Atrasar estas axudas non é un problema administrativo. É condenar a explotacións que xa estaban ao límite”, advertiu Rodríguez Dacosta, que lembrou que “o gando come todos os días” e que os gandeiros levaron oito meses asumindo custos extraordinarios sen resposta.
A deputada puxo o foco nas contradicíons do propio Goberno galego. “A Xunta di que a orde é sinxela e que apenas ten carga burocrática. Pero despois xustifica o atraso porque hai solicitudes en papel, porque houbo que requirir case todas, porque hai inspeccións de campo, porque se revisaron máis de 18.500 parcelas. En que quedamos?”. Preguntada polas medidas de reforzo de persoal para axilizar a tramitación, a Xunta non deu resposta. “Iso significa algo moi simple: non planificaron esta resposta como o que dixeron que era, unha emerxencia”, concluíu.
Fronte á parálise autonómica, Rodríguez Dacosta contrapuxo a actuación do Goberno de España. O Ministerio de Agricultura mobilizou 27,8 millóns de euros en axudas directas, de oficio e sen burocracia, para máis de 9.000 agricultores e gandeiros. O Ministerio para a Transición Ecolóxica destinou 9 millóns para restauración en Galicia. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil estaba xa sobre o terreo o 9 de setembro, con máis de 12 millóns aprobados en sucesivos Consellos de Ministros para reparación de danos e restauración hidrolóxico-forestal. “Mentres o Estado mobilizaba recursos e executaba, a Xunta seguía pedindo papeis e acumulando expedientes”, resumiu.
A outra gran denuncia da intervención socialista apuntou ao Pladiga, o instrumento central de prevención e defensa contra incendios. A normativa establecera outubro como data límite para a súa aprobación. Hoxe, cinco meses despois, o Pladiga segue sen aprobarse. O que houbo onte foi un simple anuncio do presidente da Xunta dicindo que agora si se vai aprobar. Pero o plan, a día de hoxe, non existe. Cinco meses sen instrumento de prevención operativo. E cinco meses nos que xa se rexistraron incendios este mesmo mes de marzo: no Xurés, en Viana do Bolo e onte ao pé do castelo de Monterrei.
“O Pladiga debía estar aprobado en outubro. Estamos en marzo e segue sen existir. De momento só temos un anuncio. A Xunta non xestiona os incendios, xestiona os titulares do día despois”, sentenciou Rodríguez Dacosta, que lembrou que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, xa propuxera o verán pasado medidas que a Xunta presenta agora como propias.
A deputada tamén cargou contra a xestión do anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais, que o PSdeG leva reclamando desde 2018. A Xunta presentouno a semana pasada no Consello Galego de Medio Ambiente mediante un PowerPoint, sen entregar o texto nin explicar o contido. O malestar foi tal que varios membros do órgano consultivo pediron a dimisión da conselleira. E para rematar, ese anteproxecto nin sequera figura na orde do día do Consello Forestal, o órgano específico onde debería debaterse. “Preséntano onde non toca e evitan levalo onde corresponde. Esa é a forma de gobernar do PP”, criticou.
A iniciativa do PSdeG propón medidas concretas: axilizar a resolución das axudas pendentes, reforzar os medios administrativos, garantir a transparencia sobre o estado de cada expediente, aprobar de inmediato o PLADIGA co carácter participativo que esixe e coa súa presentación e debate no Parlamento mediante a comparecencia da conselleira de Medio Rural, e elaborar un informe de avaliación do PLADIGA 2025 para corrixir o que fallou.
“Sen prevención pasa o que pasa. E sen avaliación, repítese. Galicia non pode seguir aprendendo a base de incendios”, rematou a deputada socialista.