“Non é admisible que a Xunta obrigue aos brigadistas a elixir entre poñerse en risco físico cargando con todo ese peso na cintura ou deixar o dispositivo no coche”, denuncia Carmen Dacosta
A voceira socialista advertiu da crecente necesidade deste tipo de elementos de protección en contextos de cambio climático, xa que os denominados lumes de sexta xeración caracterízanse por unha virulencia extrema, cun avance moi rápido e cambios bruscos de comportamento
O Grupo Socialista, a través da súa voceira de Medio Rural no Parlamento, Carmen Dacosta, denunciou hoxe a gravísima situación na que se atopan brigadistas de terra da Xunta. Segundo explicou, estes non poden portar o denominado “equipo de osíxeno de último minuto”, un dispositivo fundamental para salvarlles a vida en caso de atrapamento durante un incendio forestal, xa que fornece aire limpo durante un tempo limitado.
Este sistema, que permite resistir ou escapar ata que pase o lume, non pode empregarse por carecer os traballadores de equipamento ergonómico e adecuado para transportalo.
Dacosta recolleu así as queixas que lle fixeron chegar os propios brigadistas, que explican que os cintos que empregan teñen o mesmo deseño que os que repartía o ICONA nos anos 90, sen adaptación nin modernización algunha. Estes cintos, xa sobrecargados con luvas, cantimplora, botiquín, máscara, lentes, lanterna e demais útiles imprescindibles, non teñen nin espazo nin resistencia para soportar o peso do autorrescatador.
“Falamos dun equipo que pode marcar a diferenza entre a vida e a morte. Non é admisible que a Xunta obrigue aos brigadistas a elixir entre poñerse en risco físico cargando con todo ese peso na cintura ou deixar o oxíxeno de último minuto no coche, onde non serve absolutamente para nada”, advertiu Carmen Dacosta.
A parlamentaria socialista explicou que as brigadas helitransportadas da Xunta si contan con mochilas adaptadas e deseñadas para portar estes equipos de emerxencia, e denunciou o “agravio inaceptable” de que o Goberno galego negue ese mesmo material ás brigadas de terra.
“Non pode haber brigadistas de primeira e brigadistas de segunda. Todos xóganse a vida cada vez que saen ao monte, e todos teñen dereito ás mesmas garantías de seguridade”, subliñou.
Por iso, Dacosta esixiulle á Xunta que dote de inmediato ás brigadas de terra coas mochilas oficiais para transportar o equipo de oxíxeno de último minuto, garantindo así condicións mínimas de seguridade laboral.
A parlamentaria socialista advertiu ademais da crecente necesidade de incrementar este tipo de elementos de protección en contextos de cambio climático, xa que os denominados lumes de sexta xeración caracterízanse por unha virulencia extrema, cun avance moi rápido e cambios bruscos de comportamento en cuestión de minutos, o que multiplica o risco de atrapamento para as brigadas que traballan a pé de monte. “Non falamos dun luxo, falamos de salvar vidas”, dixo.