José Ramón Gómez Besteiro pedirá a comparecencia de Rueda no primeiro pleno de setembro para aclarar a súa xestión da vaga de lumes e dar conta dos recursos dispoñibles para atallar a vaga de lumes
O Grupo Socialista advertiu hoxe de que a Xunta de Galicia leva desde xaneiro bloqueados 8,3 millóns de euros de fondos europeos destinados á prevención de incendios forestais, o que deixou sen executar traballos esenciais nun verán marcado por unha vaga de lumes que arrasou miles de hectáreas.
A deputada socialista Carmen Dacosta explicou que a Consellería do Medio Rural mantén sen
resolver dúas liñas clave:
2,99 millóns de euros en obras de infraestruturas de prevención, repartidos en nove lotes aínda sen adxudicar.
5,4 millóns de euros en subvencións para actuacións preventivas (480 expedientes presentados), tamén pendentes de resolución.
“Estamos a falar de desbroces, cortalumes, pistas forestais… tarefas que deberían estar feitas desde a primavera e que hoxe, sinxelamente, non existen sobre o terreo. É desolador ver que moitas desas actuacións estaban previstas precisamente en zonas que agora arden”, denunciou Dacosta.
“A prevención non pode seguir atrapada en trámites e papeis. Galicia non pode permitirse que os cartos europeos queden nos despachos mentres o lume arrasa o noso territorio”, sinala. Besteiro reclamará explicacións en sede parlamentaria.
O secretario xeral do PSdeG e voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu que a prioridade inmediata segue sendo “apagar os lumes, garantir a seguridade da veciñanza e apoiar ás familias afectadas”. Con todo, recalcou que, unha vez controlada a emerxencia, “o presidente Rueda deberá render contas pola súa xestión da vaga de incendios, e pola disponibilidade efectiva dos recursos e medios empregados nas tarefas de
extinción.
Neste sentido, Besteiro anunciou que o PSdeG rexistrará a petición de comparecencia de Rueda para o primeiro pleno de setembro, a fin de que dea explicacións públicas no Parlamento sobre a súa actuación.