
Lara Méndez alerta de que o organismo autonómico “vai repartindo cartos a destro e sinistro polas parroquias entre asociacións e colectivos”, destinando os seus fondos a fomentar o “clientelismo” en vez de dedicalos ás súas propias funcións
A deputada socialista criticou que con eses cartos se contraten festas de disfraces a panaderías e orquestras a consultoras de enxeñaría, e se constrúan prazas de aparcamento en centros sociais
A deputada socialista e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, advertiu de que a Xunta converteu a Axencia de Turismo de Galicia “na chequeira da señora Candia”. Durante a comparecencia do director do organismo autonómico este venres no Parlamento, Méndez sinalou que Turismo de Galicia está apoiando co seu orzamento unha estratexia de “clientelismo” que ten como obxectivo “comprar vontades en Lugo e provincia cun fin electoral”.
A parlamentaria do PSdeG criticou que con cargo a ese presuposto “vai repartindo cartos a destro e sinistro polas parroquias, polas asociacións e polos colectivos”, e puxo como exemplos festas de disfraces que organiza “unha panadería do ámbito familiar dunha persoa que foi nas listas da señora Candia”. “Panaderías organizando festas de disfraces ou campionatos de dardos”, engadiu en referencia a outro establecemento do mesmo sector noutro punto da provincia. Tamén citou a contratación “dunha orquestra para as festas dunha parroquia a unha consultora de enxeñaría” ou a construción de “dúas prazas de aparcamento nun centro social”.
“Non criticamos que se financien festas de disfraces, nin campionatos de dardos, ou que se fagan obras nos centros sociais, pero non sei se lle correspondería á Axencia de Turismo…”, dixo ironicamente. De feito, sobre este último punto, censurou que para habilitar eses aparcamentos se incluíu na memoria, como xustificación, que por alí pasa o Camiño Primitivo, “pero resulta que o Camiño Primitivo non pasa por esa parroquia”.
Lara Méndez preguntoulle ao responsable autonómico se “todo vale” e invitou ao Goberno galego a “facer unha reflexión” sobre o “uso que se está facendo da Axencia de Turismo de Galicia”, que debera servir para apoiar “un motor económico fundamental” para a comunidade autónoma. “Non pode ser a chequeira da señora Candia”, reiterou.