
Patricia Iglesias, portavoz de Industria do Grupo Parlamentario Socialista, vén de rexistrar unha pregunta para esixir que o Goberno galego se pronuncie sobre a viabilidade ambiental, económica e técnica da macrocelulosa tras a estimación do recurso presentado por Adega
A portavoz de Industria do Grupo Parlamentario Socialista, Patricia Iglesias, anunciou hoxe que vén de rexistrar unha pregunta no Parlamento de Galicia para esixir á Xunta que se pronuncie de maneira clara e definitiva sobre o proxecto de Altri, despois de que, segundo recollen os medios de comunicación, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) estimase o recurso presentado por ADEGA en relación coa modificación da Rede Natura na comarca da Ulloa vinculada ao proxecto da macrocelulosa.
Para Iglesias, esta resolución xudicial evidencia que a Xunta “allanou o camiño ao proxecto debilitando a protección ambiental nunha zona directamente afectada pola implantación industrial”. E advertiu de que o Executivo autonómico estaba “poñéndolle a alfombra vermella á macrocelulosa en todos aqueles actos administrativos que dependen das súas competencias”.
A deputada socialista reclamou que o Goberno galego denegue o proxecto no fondo e tamén todos os actos administrativos que aínda están pendentes: “O que ten que facer a Xunta é pronunciarse con claridade sobre se este proxecto é viable desde o punto de vista da sustentabilidade ambiental, económica e técnica. Non pode seguir adiando esa decisión”, afirmou.
Nesta liña, como xa advertiu o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, arquivar expedientes “non é resolver o problema, é simplemente poñelo na neveira”. Para os socialistas, o anuncio de arquivo realizado por Alfonso Rueda mantén aberta a porta a unha eventual reactivación futura do proxecto.
Patricia Iglesias insistiu ademais no “triplo NON” do Goberno de España ao proxecto e avanzou que o PSdeG seguirá reclamando no Parlamento a publicación do memorando asinado entre a Xunta e os promotores. “Xa o solicitamos a través do Portal de Transparencia e, se non hai resposta, valoraremos acudir á vía xudicial”, sinalou.
A portavoz socialista lembrou que o propio presidente da Xunta recoñeceu que coñece o contido dese documento e preguntouse “que se lles prometeu aos promotores de Altri e se se comprometeron a que todos os actos administrativos dependentes da Xunta serían favorables”.
“Galicia merece saber con claridade se este proxecto vai seguir adiante ou non. O que non pode haber é silencio nin ambigüidade ante unha decisión que afecta ao territorio, ao emprego e ao futuro ambiental da comarca”, concluíu a deputada.