

A deputada socialista Silvia Longueira advirte que o modelo do bono coidado substitúe servizos públicos, recorta garantías e deixa ás familias sen alternativas reais
Denuncia que quen rexeita o bono e solicita servizos como a axuda no fogar ou unha praza residencial pública queda nunha lista de espera de dous ou tres anos
A deputada do PSdeG Silvia Longueira denunciou hoxe que a Xunta de Galicia está a recortar a atención á dependencia cunha estratexia baseada no aforro económico, substituíndo servizos públicos e valoracións profesionais polo chamado bono coidado.
Longueira advertiu de que, cando xa se supera a metade da lexislatura, a situación da Consellería de Servizos Sociais non só non mellorou, senón que é peor ca ao comezo. Un feito especialmente grave, sinalou, tratándose dun departamento que ten que dar resposta a un dos problemas máis urxentes da sociedade galega: a aplicación real da Lei de Dependencia, unha lei que recoñeceu dereitos á cidadanía e que hoxe se está reducindo a unha prestación económica fixa.
Segundo explicou, o sistema de bonos impulsado pola Xunta está a engulir dereitos tanto das persoas dependentes como das súas familias, convertendo a atención á dependencia nunha cuestión de achegas económicas, cun obxectivo claro: gastar menos, non garantir mellores prestacións nin máis cobertura pública.
A deputada socialista vinculou directamente este modelo coa ausencia do Plan Estratéxico de Servizos Sociais e do Mapa Galego de Servizos Sociais, dous instrumentos previstos na lei que nunca foron aprobados. Sen planificación nin previsión, advertiu, non hai sistema capaz de responder ao envellecemento da poboación, nunha comunidade con máis de 700.000 persoas maiores de 65 anos.
Longueira denunciou tamén as consecuencias prácticas desta política: deterioro progresivo das residencias, denuncias polo estado dalgúns centros, persoas dependentes que permanecen até tres meses ingresadas en hospitais por falta de prazas residenciais e usuarios trasladados a centros afastados da súa contorna familiar, rompendo vínculos e arraigo.
A deputada puxo o foco nas modificacións introducidas na Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2025, que cualificou de planificadas para desestruturar o sistema. Entre elas, destacou a eliminación do informe social como porta de entrada á dependencia, afastando aos traballadores sociais da valoración e permitindo que a solicitude se faga cun simple formulario administrativo.
Neste contexto, alertou de que mesmo se abriu a porta a que empresas privadas cobren até 120 euros por cubrir esa documentación, mentres a Xunta ofrece como resposta unha prestación duns 416 euros ao mes. O custo real dunha persoa dependente supera os 1.700 euros mensuais, polo que a diferenza supón un aforro evidente para a administración autonómica.
Longueira explicou que moitas persoas reciben comunicacións nas que se lles recoñece o dereito a percibir atrasos económicos, pero sen información clara sobre os requisitos necesarios para cobralos, como a obrigatoriedade de presentar facturas de empresas autorizadas, o que provoca que eses cartos nunca cheguen ás familias.
Ademais, denunciou que quen rexeita o bono e solicita servizos como a axuda no fogar ou unha praza residencial pública queda nunha lista de espera de dous ou tres anos. Unha situación que, advertiu, deixa ás familias sen alternativas reais.
A deputada socialista criticou tamén a unificación indebida dos procedementos de dependencia e discapacidade, unha decisión que invade competencias exclusivas do Estado e introduce unha grave inseguridade xurídica. Hai persoas ás que se lles recoñece dependencia sen que se lles garantan os dereitos asociados ao grao de discapacidade, vulnerando o principio de equidade recollido na lei.
Longueira advertiu, ademais, de que o sistema de bonos non ten en conta a renda das persoas beneficiarias, de xeito que quen percibe 1.000 euros ao mes recibe a mesma axuda ca quen cobra 2.000, eliminando calquera criterio de xustiza social.
A deputada lembrou que o recurso presentado contra estas modificacións xa foi admitido a trámite polo Tribunal Constitucional e esixiu unha rectificación inmediata da Consellería de Servizos Sociais. A dependencia, subliñou, non pode xestionarse con bonos nin con maquillaxe estatística, porque o que está en xogo son dereitos básicos e a dignidade de milleiros de familias galegas.