A parlamentaria do PSdeG Noa Díaz, e o voceiro de sanidade, Julio Torrado, achegáronse este mércores ao Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) para denunciar o colapso nas urxencias e o “desnorte” da Xunta na xestión sanitaria.
Ante a situación denunciada do colapso das urxencias hospitalarias do CHUS, que se viu sobrepasado nos últimos anos polas carencias na atención primaria polo “abandono” dos centros de saúde por parte da Xunta. É por iso que, a pesar de achegarse a este hospital para criticar a situación das súas urxencias, a deputada Noa Díaz reclamou en primeiro lugar solucionar o “gran problema” da sanidade, que é a atención primaria, e que afecta ao conxunto do sistema.
Díaz incidiu en que carencias como esa “leva á xente ten que vir ao CHUS a agardar horas e horas” pola falta de atención nos seus centros de saúde, incluíndo moitos pacientes con patoloxías graves e xente con desvío a planta asignado e que ten que estar moito tempo nas urxencias, segundo denuncian os profesionais.
Por iso, insistiu na súa reclamación de que se reforce a atención primaria para non acabar sobrecargando o hospital, así como reforzar o sistema de urxencias extrahospitalarias, ademais de que, en vez dun plan de continxencia, se realice “un plan funcional do servizo de urxencias do CHUS”, co obxectivo de que “queden claros os os circuítos de desvío de profesionais aos distintas unidades de hospitalización”.
Por último, Díaz reclamou que se abran “dunha vez por todas e de maneira inmediata” todas as camas da área sanitaria de Santiago e do Barbanza ante o “desleixo e desatención absoluta” por parte do goberno galego.
ANUNCIAR COUSAS, NON SOLUCIONAR PROBLEMAS
Pola súa banda, o voceiro parlamentario de sanidade, Julio Torrado, ampliou este problema de ámbito local a toda Galicia, xa que consideran que o caso do CHUS é un exemplo máis dos problemas da sanidade galega que se reproducen por todo o territorio da comunidade. Un problema que non se circunscribe só a Santiago e que ten que ver cun desnorte na xestión da consellería
Defendeu a idoneidade da área sanitaria de Santiago-Barbanza para exemplificar estes problemas, xa que nela non se ascende “polos méritos profesionais, senón polos apelidos”, sendo isto un problema para o sistema sanitario.
Torrado cre que a Xunta non está preocupada de solucionar os problemas da sanidade, senón en “buscar parapetos institucionais, xente que defenda a ultranza as siglas dun partido ou incluso os apelidos dalgún expresidente”, en referencia á xerente da área sanitaria, Eloína Núñez.
Ademais resalta que “ten que ver cun goberno galego que está absolutamente desnortado, fóra de lugar e que non está entendendo cal é o problema do sistema sanitario”, que pensa que a atención primaria é algo menor, pequeno e non relevante, pero que está repercutindo en todo o sistema, tanto nas urxencias, en medicina interna, así como xinecoloxía
Julio Torrado tamén declarou que “a Consellería está a velas vir e facendo propostas que demostran o seu desnorte”, así como propoñendo ideas, “algunhas moi vellas, e outras tan novas que contradín as súas propias ideas previas”.
Criticou os “vaivenes” arredor da prolongación da idade de xubilación dos médicos ata os 72 anos, xa que na lexislatura pasada reduciron a idade de xubilación, para logo estendela, volver a reducila e agora prantexar unha nova ampliación, polo que ironizou con que “en vez de arranxar os problemas da sistema sanitario está bailando a conga”. Expuxo así a estratexia da Xunta de “anunciar novas ideas cada 6 meses a bombo e platillo, para que logo non sirva ningunha delas”, xa que “o que lle importa ao goberno é anunciar cousas”.
O GOBERNO GALEGO MÁIS PREOCUPADO POLO RELATO
A preguntas dos xornalistas, o voceiro de sanidade falou tamén do expresidente e actual líder do PP, Núñez Feijóo, ao fío da referencia de Pedro Sánchez de onte no debate no Senado, onde criticou a xestión de Feijóo en Galicia, con especial atención á sanidade pública.
Julio Torrado di comprender “a preocupación de Sánchez e de moita parte da cidadanía ao asociar dous conceptos como Feijóo e sanidade”, xa que cre que son unha mala mestura que tivo grandes consecuencias para os galegos e galegas.
Incidiu en que “o presidente Sánchez onte evidenciaba o que levamos moito tempo denunciando aquí en Galicia”, ao falar de asuntos como “a perda de profesionais, especialmente en atención primaria”. Destacou que os problemas de hoxe veñen de que “o goberno galego renunciou na última década a formar 180 MIR porque o señor Feijóo decidiu que non se convocaban”, sendo o rumbo a seguir por Rueda xa que “neste mesmo ano deixan sen convocar 29 prazas de enfermaría comunitaria”.
Dixo que Pedro Sánchez “está solucionando un problema que é competencia autonómica, mediante a estabilización dos profesionais e os cartos que está aportando para unha competencia que non é súa”. Xa que o PP e o goberno galego “está máis preocupado en construír un relato que en solucionar un problema”.