A deputada socialista Paloma Castro acusa ao Goberno galego de “deixación absoluta de funcións” na xestión do servizo
O PSdeG vén de denunciar a situación insostible que están a vivir estes días as persoas usuarias do transporte interurbano que conecta Pontevedra, Poio e Sanxenxo, un servizo público que, segundo advertiu a deputada socialista Paloma Castro, “leva semanas colapsado sen que a Xunta faga nada por evitalo”.
Como cada verán, a demanda multiplícase por dez nesta liña, pero a resposta por parte da administración autonómica segue a ser a mesma: “tarde, mal e escasa”. Segundo sinalou Castro, “se houbo reforzos, non se notaron. Os autobuses chegan cheos, acumulan retrasos e hai xente que, literalmente, non pode subir”.
A situación está a provocar que moitas persoas cheguen tarde ao traballo ou se vexan obrigadas a buscar alternativas improvisadas para desprazarse. “Falamos dun servizo básico, non dun capricho de verán”, insistiu a deputada, quen lembrou que a Xunta é a administración competente e responsable de garantir a mobilidade da cidadanía.
Castro esixiu que o Goberno galego actúe con urxencia e tome as medidas necesarias para restablecer un servizo digno e funcional. “Non poden mirar para outro lado. A veciñanza de Pontevedra, Poio e Sanxenxo merece un transporte público que funcione, non esta desorganización permanente”.