
Aitor Bouza acusa ao PP de Ferrol de reproducir hoxe un xesto simbólico similar ao silenciamiento da placa destruída en 1936. Un feito que referendou hoxe o PP votando en contra da iniciativa presentada polo deputado
Lembra que a Lei de Memoria Democrática obriga ás administracións a garantir e dignificar os espazos de memoria
O deputado socialista Aitor Bouza denunciou esta mañá na Comisión Institucional do Parlamento galego a “censura política” exercida polo Goberno municipal do Partido Popular en Ferrol ao impedir que a placa en homenaxe a Pablo Iglesias Posse, fundador do PSOE e da UGT, sexa colocada nun lugar digno e visible da cidade. Bouza acusou directamente ao alcalde, José Manuel Rey Varela, de actuar “por puro sectarismo ideolóxico” e de bloquear unha iniciativa sufragada pola militancia socialista e plenamente acorde coa normativa de memoria democrática.
O parlamentario lembrou que a placa orixinal, instalada en 1927 no antigo Concello e obra de Agustín López Miras, foi destruída tras o golpe de Estado fascista de 1936. “O que fixo entón a ditadura, hoxe o PP de Ferrol pretende repetilo simbolicamente: afastar, ocultar e desnaturalizar unha homenaxe a unha das figuras fundamentais da historia da clase traballadora”, advertiu.
“Non falamos dunha placa: falamos de memoria, democracia e dignidade”
Bouza subliñou que a cuestión “vai moito máis alá dunha placa”: “Falamos de memoria. Falamos de democracia. Falamos de dignidade. Falamos dunha cidade, Ferrol, cunha tradición obreira que merece respecto, verdade e recoñecemento”.
Segundo explicou, o Concello de Ferrol “non só puxo trabas continuas, senón que propuxo unha localización afastada e sen visibilidade”, co obxectivo de impedir que a homenaxe tivese relevancia pública. “Iso non é unha cuestión técnica: é censura simbólica”, afirmou.
Na súa intervención, Bouza vinculou esta decisión co intento dalgúns sectores da dereita de “branquear episodios clave da nosa historia recente”. Recordou que a Guerra Civil non comezou por “un enfrontamento entre españois”, senón por “un golpe de Estado militar, fascista e organizado contra un goberno lexítimo”, que abriu a porta a 40 anos de ditadura, represión e negación de dereitos.
“Esa liberdade democrática que tanto custou conquistar non ten nada que ver coa ‘liberdade’ superficial que defende o PP”, engadiu.
O 20N e o perigo da banalización do autoritarismo
Aitor Bouza destacou tamén que esta polémica se produce precisamente na semana do 20 de novembro, unha data que lembra a sombra da ditadura e o perigo de trivializar o autoritarismo. “É un momento no que deberiamos reforzar o compromiso democrático, non permitir dinámicas que buscan minimizar ou ocultar a memoria”, dixo.
PP e VOX: “dúas caras dunha mesma regresión”
O deputado advertiu de que o sucedido en Ferrol non é un episodio illado, senón o síntoma dunha dereita que se deixa arrastrar pola ultradereita: “VOX ataca a memoria histórica, os dereitos das mulleres, do colectivo LGTBI e dos inmigrantes. O problema é que o PP pacta, copia o discurso e normaliza o que antes era inaceptable”, afirmou.
“Que lles molesta de Pablo Iglesias Posse? A defensa da clase traballadora? A creación dos primeiros sindicatos modernos? O compromiso coa igualdade? O feito de que a historia deste país non a escribiron os poderosos senón a xente común organizada?”, destacou Bouza.
Engadiu que recordar o fundador do PSOE significa tamén recordar “que moitos dos dereitos hoxe consolidados custaron loita, persecución, cárcere e vida”.
A proposición non de lei presentada polo Grupo Socialista instaba á Xunta de Galicia a expresar publicamente o seu desacordo coa decisión do Concello de Ferrol, condenar prácticas institucionais que supoñan censura simbólica, dirixirse ao Concello para garantir que a placa se coloque no lugar solicitado e con plena dignidade histórica. O PP votou en contra.
Bouza concluíu reivindicando o sentido da memoria democrática e o deber das institucións: “A democracia merece respecto. A liberdade merece ser defendida. E a memoria merece ser honrada fronte a quen pretende borrala. Pablo Iglesias Posse debe ter en Ferrol o lugar que lle corresponde, e o PSdeG non vai permitir que ninguén o oculte”.