Silvia Longueira levará ao Pleno do Parlamento da próxima semana a “situación lamentable” do CEIP Francisco Vales Villamarín e dos IES Francisco Aguiar e As Mariñas de Betanzos, provocada polo desleixo da Consellería de Educación
A alcaldesa brigantina, María Barral, reclamoulle ao goberno galego que arranxe “as carencias estruturais e de salubridade” que presentan os edificios e deixe de distinguir entre “alumnado de primeira e de segunda”
O secretario provincial socialista, Bernardo Fernández Piñeiro, criticou que os investimentos se centren en concellos “que casualmente gobernan os populares”
A parlamentaria socialista Silvia Longueira visitou hoxe Betanzos, onde presentou a pregunta oral que levará ao Pleno do Parlamento da próxima semana para esixirlle ao conselleiro de Educación que comece dunha vez coa reforma integral das infraestruturas educativas públicas de Betanzos. Longueira visitou os centros educativos xunto coa alcaldesa, María Barrarl; o secretario provincial do PSdeG, Bernardo Fernández, e o concelleiro Andrés Hermida.
A responsable socialista acusou ao conselleiro de Educación de “castigar” aos rapaces e rapazas de Betanzos polo seu “desleixo” fronte á situación “dramática” das infraestruturas educativas no Concello, sinaladamente do CEIP Francisco Vales Villamarín e os IES Francisco Aguiar e As Mariñas. Dixo que o goberno galego está a “marxinar” aos veciños e veciñas da vila aos que lles está a negar unha educación pública en igualdade de condicións co resto de Galicia.
“Por que un centro coma este, referente e con unha solvencia e un éxito moito máis que contrastado, ten este abandono por parte da Xunta de Galicia?”, cuestionou ás portas do Francisco Aguiar, onde profesorado e ANPA “veñen facendo denuncias e denuncias e presentando reclamacións e reclamacións” sobre o estado de total abandono dos diferentes edificios educativos.
Longueira advertiu, por outra banda, que o segundo bloque de arranxos necesarios no CEIP Francisco Vales Vilamarín comprende unha reforma integral que o goberno galego se resiste a desbloquear malia que é un dos centros de Galicia con maior matrícula de alumnos e alumnas. Tanto eles como o profesorado teñen que padecer a cotío pingueiras, filtracións, perdas térmicas ou problemas de iluminación, ademais das eivas do pavillón polideportivo, que están a ser asumidas polo Concello.
Advertiu que a falta de compromiso do goberno galego para acometer a reforma da infraestrutura está a impedir mesmo que o pavillón poida utilizarse para adestramentos e competicións federadas por parte dos clubes deportivos que a utilizan. Por non falar, engadiu, da falta de espazo para o comedor escolar, que obriga a utilizar para iso o salón de actos, e que polo tanto queda inutilizado para o seu uso orixinal.
Longueira explicou que a situación é semellante no IES Francisco Aguiar, onde 693 alumnos e alumnas da localidade e dos concellos limítrofes acoden cada día ás clases de ESO, Bacharelato Superior e dous ciclos de ensinanza superior. No IES As Mariñas, pola súa banda, a situación dos tellados é insoportable polo filtrado de humidades a través das cubertas de uralita con amianto e un illamento térmico deficiente.
María Barral insistiu nas “carencias estruturais e de salubridade de todo tipo” que presentan estes centros porque non reciben do goberno de Rueda “a atención que merecen”. “Non pode haber alumnado de primeira e de segunda, e por desgraza, para a Xunta, o alumnado de Betanzos parece sempre de segunda”, censurou a alcaldesa.
Sobre este extremo indiciu tamén Bernardo Fernández, que sinalou que o desleixo da Administración autonómica respecto das infraestruturas educativas “é un pouco desigual”. “Polo que levamos visto, parece que as reparacións sempre caen en centros que se atopan, casualmente, gobernados polo PP”, criticou ao respecto do que considera unha “utilización caciquil dos recursos públicos”. Por ese motivo, esixiu un plan estratéxico que plasme cales son os criterios que se empregan á hora de priorizar uns centros sobre outros.