

Carmen Rodríguez Dacosta reclamoulle á corporación pública que atenda as solicitudes de xubilación parcial e a súa cobertura con contratos de relevo, tal e como a condena unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
A deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta censurou hoxe en comisión parlamentaria que a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (antiga CRTVG) está a entorpecer a tramitación de xubilacións parciais e a correspondente formalización de contratos de relevo, algo que se preguntou se agocha un interese por “amortizar persoal para incrementar as contratacións externas”.
Dacosta sinalou que, segundo os últimos datos, a CSAG ten sobre a mesa 84 solicitades de xubilación parcial, pero na próxima oferta de emprego público a compañía só contempla só destina 13 prazas a contratos de relevo. Iso tradúcese en que unicamente 13 das 84 persoas que pediron a xubilación parcial poderán acollerse a ela.
A parlamentaria socialista criticou que ese xeito de proceder por parte da dirección da corporación incumpre a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que a obriga á CSAG a garantir o acceso á xubilación parcial anticipada ao persoal laboral incluído no convenio colectivo. Para iso, a empresa acóllese a unha interpretación da lei que rexeita o fallo do TSXG, segundo advertiu Rodríguez Dacosta, que explicou que outras compañías públicas, como o Adif, si están a cumprir a normativa tal e como a interpreta o Tribunal.
“Xa van moitas sentenzas que lle din á CRTVG que os dereitos dos traballadores hai que respectalos”, recordou a deputada socialista para reclamarlle á dirección da CSAG “planificación” e “negociación” coa representación dos traballadores e traballadoras co fin de axilizar as 84 solicitudes de xubilación parcial e, ao mesmo tempo, manter unha axeitada estrutura organizativa do cadro de persoal.
O contrario, seguir coa filosofía de “iremos vendo” para dilatar o ritmo de atención de solicitudes e adiar o proceso, sería, advertiu Carmen Rodríguez Dacosta, contravir a sentenza do TSXG e, polo tanto, ir contra os dereitos do persoal.