
A deputada socialista Silvia Longueira alerta da inseguridade creada pola Xunta tras aprobar en solitario cambios que afectan a miles de persoas dependentes
A deputada socialista Silvia Longueira advertiu hoxe de que a suspensión dos cambios introducidos pola Xunta en materia de dependencia deixa nunha situación de incerteza xurídica a máis de 86.000 persoas en Galicia, valoradas ao abeiro do “mal chamado plan de choque” impulsado polo PP.
A suspensión, acordada polo Tribunal Constitucional, afecta ao artigo da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas que acompañou aos Orzamentos de 2024 e que vinculaba o grao de dependencia coa discapacidade, unha modificación aprobada en solitario polo PP e sen consenso previo.
Segundo explicou Longueira, a conselleira de Política Social, Fabiola García, presentou esta reforma como unha simplificación dos trámites, pero na práctica eliminou garantías básicas do sistema e entrou nun ámbito competencial que non lle corresponde. “O problema non é a decisión do Constitucional, que é correcta, senón que o PP puxese en marcha unha reforma mal deseñada e sen respaldo legal”, sinalou.
O núcleo do problema está en que a Xunta decidiu refundir nun mesmo procedemento a valoración da dependencia e da discapacidade. Segundo defendía o PP, esta fórmula permitiría acurtar prazos, creando unha pasarela que homologaba automaticamente a discapacidade ás persoas que tiñan recoñecido un grao de dependencia, sen necesidade de realizar máis trámites nin avaliacións específicas.
A realidade é que non todas as persoas con discapacidade precisan recursos de dependencia, e a concesión da discapacidade corresponde legalmente ao Estado, con criterios propios que non pode substituír a comunidade autónoma. Segundo datos da propia Consellería, 12.500 galegos e galegas foron homologados automaticamente por esta vía.
A deputada socialista lembrou que esta reforma se introduciu a través da Lei de Acompañamento orzamentaria, sen debate real e de costas ao Consello Galego de Igualdade e Benestar Social, órgano consultivo que foi ignorado, así como ás alegacións presentadas polo Colexio Profesional de Traballo Social, polos sindicatos e polos grupos políticos. O resultado é unha situación de inseguridade xurídica que afecta tanto ás persoas xa valoradas como ás usuarias actuais do sistema, especialmente ás 12.500 que foron homologadas de xeito automático.
Longueira subliñou tamén que o modelo promovido polo PP desprazou a atención pública cara a solucións privadas, condicionando o acceso ás prestacións á contratación de servizos homologados ou á aceptación de bonos limitados, mentres as listas de espera seguen medrando.
Ante esta situación, a deputada ven de rexistrar unha batería de iniciativas parlamentarias para que a Xunta dea explicacións, aclare o alcance real da suspensión e recupere a seguridade xurídica no sistema galego da dependencia.