

“Non sabemos con precisión o alcance real , nin sabemos o estado das infraestruturas forestais, nin sabemos cal é o plan de actuación porque non o hai”, criticou Carmen Rodríguez Dacosta, que reclamou un informe urxente e medidas destinadas a evitar que os problemas “se multipliquen”
A deputada socialista reclamou, “en primeiro lugar, a retirada prioritaria da madeira caída, non só por unha cuestión económica, senón por seguridade, sanidade e prevención de incendios”
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta denunciou hoxe en comisión parlamentaria a “inacción” do Goberno de Rueda á hora de reverter os efectos da cadea de temporais que afectaron a Galicia durante a meirande parte deste inverno.
Dacosta asegurou que a situación “puxo ao límite tanto o medio natural como as infraestruturas”. “O que vivimos nas estradas foi a cara visible do problema, pero o que está a pasr no monte é a parte que aínda non se está atendendo, coma sempre”, afirmou.
Por iso, criticou que a Xunta siga sen avaliar os danos á espera de que os problemas “se multipliquen”. “O máis preocupante non só é o que pasou, é o que non fai a Xunta, o seu inmobilismo”, insistiu. “Non sabemos con precisión o alcance real nin sabemos cal é o plan de actuación, porque non o hai”, censurou.
A deputada socialista apuntou que “a saturación hídrica derivada das continuas precipitacións, combinada con refachos de vento persistentes, xerou derrubamentos de arborado, inestabilidade en masas forestais, deterioración de infraestruturas forestais e afeccións en espazos naturais protexidos”.
Na iniciativa que defendeu hoxe, Dacosta enumera os “importantes danos”. Entre eles menciona caídas de árbores en montes veciñais en man común, danos en montes de xestión pública autonómica, deterioro de pistas, pontellas, drenaxes e accesos, danos na rede de puntos de auga, en faixas auxiliares, devasas e infraestruturas de prevención de incendios, acumulación de madeira caída, co conseguinte risco de pragas e incremento da carga de combustible, e impacto en espazos naturais protexidos integrados na Rede Natura.
Por todo o anterior, e debido a que “a experiencia acumulada en episodios anteriores demostra que a ausencia dunha avaliación rápida e dunha intervención coordinada pode derivar en problemas engadidos”, reclama a elaboración dun informe técnico no prazo dun mes sobre os danos do mal tempo deste inverno sobre o sistema forestal galego, así como a activación dun plan extraordinario de actuación que inclúa a retirada prioritaria de madeira caída en montes de xestión pública, a habilitación de axudas directas ás comunidades de montes, a apertura de liñas de apoio á restauración de masas de árbores danadas e medidas preventivas fronte a pragas e enfermidades.
“Isto non é prevención, é deixar o monte desprotexido”
A maiores, demándalle á Xunta que garanta a reparación urxente de infraestruturas forestais danadas, en especial as vinculadas á prevención e loita contra incendios, e que estableza un protocolo específico para a xestión da madeira caída en espazos protexidos, compatibilizando criterios ambientais e preventivos.
Rodríguez Dacosta reclamou especialmente, “e en primeiro lugar, a retirada prioritaria da madeira, non só por unha cuestión económica, senón por seguridade, sanidade e prevención de incendios”.
Chamou a atención tamén sobre “unha realidade que explica moitas cousas” e que o secretario xeral socialista, José Ramón Gómez Besteiro, “xa puso enriba da mesa” esta mesma semana. “Os datos son claros: 13 millóns de euros perdidos en prevención, outros 5,4 bloqueados, 194 solicitudes sen financiamento, 4 millóns máis perdidos pola supresión da convocatoria de 2026 e outros 3 de 2024 que aínda seguen sen executarse”. “Isto non é prevención, é chegar tade, mal e deixar o monte desprotexido”, remarcou.