

“É un problema que se cronifica”, alertou hoxe Carmen Rodríguez Dacosta sobre a elevada sinistralidade laboral que se rexistra en Galicia. A deputada socialista advertiu en comisión parlamentaria que esta eiva segue a ser “unha das principais” do mercado de traballo na comunidade e apoiou esa afirmación en dous datos: 30.000 accidentes e 45 persoas falecidas o ano pasado. Son cifras que, segundo recordou, mostran unha continuidade que está derivando nunha “situación estrutural”.
Dacosta destacou que Galicia está por enriba da media estatal en canto a incidencia de sinistros mortais. De feito, “é a terceira comunidade cun índice máis elevado”, apuntou. Indicou tamén que esa sinistralidade “afecta de xeito transversal ao tecido produtivo” e que o Partido Socialista vén avisando desa circunstancia desde hai tempo. “Presentamos diversas iniciativas, pero o PP votou en contra de plans de choque, de reforzar a prevención e de dotar de máis medios o sistema”, repasou, e denunciou que no Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia están sen cubrir oito postos de técnico de prevención, dous por provincia.
Tamén advertiu da “invisibilización” das enfermidades profesionais e os riscos psicosociais, moitas veces provocados por “sobrecarga de traballo e condicións organizativas deficientes”.
Para a parlamentaria do PSdeG, precísanse “máis medios materiais, máis medios humanos e máis orzamento” para combater un problema detrás do que hai “un traballador ou traballadora, unha familia e moitas veces un proxecto de vida truncado”. “Ir traballar non pode seguir sendo un risco”, salientou.
Carmen Rodríguez Dacosta destacou que, aínda que existe unha lei de prevención de riscos laborais, “o problema é que non se está aplicando coa intensidade necesaria”. Afirmou, ademais, que agora se engade unha nova eiva, como son os efectos da emerxencia climática para os sectores que desenvolven as súas tarefas ao aire libre.
Os servizos contraincendios como exemplo do problema
Puxo como exemplo os operativos de extinción de incendios, que o pasado verán tiveron que realizar o seu labor en moitas ocasións en condicións deficientes. “Brigadistas de terra sen soporte para o equipo de osíxeno, sen a figura de rescatador nos equipos… É imprescindible avaliar o acontecido en agosto para garantir condicións de seguridade para todo o persoal e integrar de forma estable e preventiva as figuras necesarias para evitar que situacións como as de Oímbra se repitan”, explicou.
A deputada socialista lanzou, por outra banda, unha serie de propostas para incrementar a seguridade laboral. “Pedimos máis recursos, máis prevención real, máis control efectivo e máis compromiso político”, sinalou para enumeralas.
En primeiro lugar, demandou da Xunta que reforce o ISSGA “de maneira real”. Reclamou tamén un incremento do orzamento destinado a prevención, que se desenvolvan protocolos fronte ás condicións climáticas extremas e que Galicia conte un plan específico de prevención dos riscos psicosociais “e de protección da saúde mental no ámbito laboral”. Por último, defendeu que é “fundamental” actuar de maneira diferenciada nos sectores de máis risco.