
Longueira defendeu esta tarde unha proposición non de lei para reformular un sistema de axudas que se esgotou cinco días antes de rematar o prazo e que o Consello de Contas considera un risco para os cartos públicos
A deputada socialista Silvia Longueira denunciou hoxe no Parlamento de Galicia que o Bono Concilia Familia, a principal ferramenta da Xunta para axudar ás familias coa conciliación, esgotou os 2,6 millóns de euros cinco días antes de que rematase o prazo de solicitude. Un sistema que, segundo a propia deputada, funciona como “un bingo de sobremesa” onde só ganan os que chegan primeiro.
Longueira defendeu unha proposición non de lei para reformular o sistema de concesión destas axudas instando á Xunta a implantar, xunto aos concellos, un programa estable con baremos que garanta a concorrencia competitiva, fronte ao actual modelo onde os cartos se reparten por orde de chegada.
“Falar de conciliación é falar de como vive a xente, de como traballan as familias e, sobre todo, de quen asume realmente o peso dos coidados neste país”, afirmou Longueira na súa intervención.
A deputada socialista lembrou que o Consello de Contas, ente independente encargado de fiscalizar as administracións galegas, ven advertindo do risco de fraude e información privilexiada que supón o sistema de concorrencia non competitiva empregado pola Xunta. Este procedemento, no que as subvencións se conceden ás solicitudes máis rápidas ata que se esgoten os fondos, “pode provocar que familias con máis necesidades queden fóra mentres outras con menos urxencia accedan ás axudas”.
“Non estamos a falar dunha axuda, senón dunha especie de botín ao que só accedes se tes a fortuna de chegar a tempo”, subliñou Longueira, quen recordou que se están empregando 2,6 millóns de euros de cartos públicos dun xeito “cuasi discriminatorio”.
Galicia, á cola en políticas de conciliación
Longueira comparou o modelo galego co de outras comunidades autónomas. Mentres en Galicia se mantén un sistema baseado en bonos puntuais que trasladan ás familias a responsabilidade de buscar solucións, outras comunidades avanzan cara á creación de servizos públicos de coidados. En Castela e León combínanse axudas económicas con programas públicos de atención en períodos non lectivos. Na Comunidade Valenciana refórzase o papel dos concellos con servizos de coidado accesibles. E no País Vasco ou Cataluña, hai anos que se apostou por crear unha verdadeira infraestrutura pública de coidados.
Para a deputada socialista, “a conciliación non pode depender da capacidade económica das familias, da oferta privada dispoñible ou do código postal no que vivas. Iso non é igualdade, iso é desigualdade organizada”, sentenciou a deputada.
Longueira enmarcou a súa iniciativa nun contexto preocupante: Galicia rexistrou en xaneiro de 2026 só 1.037 nacementos, unha caída do 5,93% respecto ao mesmo mes do ano anterior, segundo datos do INE. Esta cifra contrasta co dato estatal, onde os nacementos medraron un 2,42%. “As políticas de conciliación do PP son aleatorias, sen planificación nin obxectivos claros. E os números están aí”, concluíu.
Deste xeito, o PSdeG esixiu na súa proposición non de lei que a Xunta reformule o sistema de concesión dos Bonos Concilia para o vindeiro período, de xeito que sexan realmente eficaces para chegar ás familias. Tamén reclama a implantación, xunto cos concellos, dun programa estable con baremos que garanta o acceso en igualdade de condicións.