
Lara Méndez insta a Rueda a facer menos seguidismo de Feijóo e reclámalle ao goberno galego que active medidas de apoio ás empresas afectadas polas consecuencias da guerra
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, censurou hoxe o silencio cómplice de Rueda coa guerra de Irán para “non molestar” a Feijóo e o seu apoio pechado ao conflito e ao presidente dos EEUU, Trump. Así o dixo dende Santiago na concentración convocada pola plataforma Parar la Guerra, na que participou xunto co secretario local do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, e representantes públicos e orgánicos do PSdeG.
A responsable socialista trasladou o rexeitamento dos socialistas galegos á guerra en Irán, igual que se puxeron en contra da invasión de Ucraína e do xenocidio en Gaza, que provocan “vítimas inocentes que pagan o prezo” das decisións terribles de quen quere o conflito. Puntualizou que os socialistas galegos rexeitan o réxime antidemocrático de Irán, e subliñou que “o único camiño é o dereito internacional, o multilateralismo e o diálogo”.

Méndez criticou a compracencia do presidente galego coa posición do seu líder Feijóo, que apoiou sen fisuras o bombardeo de Estados Unidos a Irán e agora reclama medidas fronte ás súas consecuencias, e subliñou que “non se pode aplaudir unha guerra e despois sorprenderse polos seus efectos”.
Esixiu “altura de miras e sentido de Estado” por parte de Rueda e Feijóo para estar “ao lado da cidadanía e do goberno” en contra da guerra e para que “deixen de facer partidismo e de utilizar as guerras por rédito político”.
Iniciativa parlamentaria
Méndez, que tamén é viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, anunciou que veñen de rexistrar na Cámara autonómica unha batería de iniciativas parlamentarias para urxirlle ao goberno galego que deixe as declaracións e actúe. Os socialista galegos reclámanlle á Xunta que se poña mans á obra para avaliar con rigor o impacto da crise na economía galega, identificar aos sectores máis expostos e activar canto antes medidas de apoio ás empresas.
Alertou do risco real que supoñen a incerteza global, o encarecemento da enerxía ou os problemas nas cadeas de subministración, e subliñou que “mentres outros fan declaracións ou manteñen posicións ambiguas, o que fai falta é actuar e defender dende Galicia aos sectores produtivos e ás empresas que poden verse afectados por esta crise internacional”.