Ángel Mato sinalou que o propio Feijoo incluíu a iniciativa “no seu Pacto de Estado por Ferrol”, pero onte os deputados populares rexeitárona no Parlamento de Galicia
Julio Abalde lamentou o que cualificou de “irresponsabilidade” dos parlamentarios tanto do PP coma do BNG, que tamén se opuxeron ao proxecto
Bernardo Fernández Piñeiro: “Incomprensiblemente, populares e nacionaistas, tan sensibles de boquilla co sector naval e coa necesaria carga de traballo, danlle as costas”
O PSdeG denunciou hoxe en Ferrol o voto do PP “contra os intereses da cidade” e a súa falta de coherencia respeto dun proxecto tan importante para a urbe naval como é o clúster da industria da defensa. O secretario xeral da Agrupación Socialista local e portavoz do Grupo Municipal, Ángel Mato; o deputado Julio Abalde e o secretario xeral provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, criticaron o xiro dos populares. Tal como recordou Mato, trátase dunha iniciativa “que o propio Feijoo incluíu no seu Pacto de Estado por Ferrol, e que agora debe de estar na lista de cousas pendentes, xunto ao solo industrial”. Iso non impediu, remarcou, que onte os parlamentarios do PP se opuxesen na Cámara autonómica a unha iniciativa do Grupo Socialista na que, precisamente, se reclamaba a instalación do clúster en Ferrol.
O líder socialista ferrolán censurou que, unha vez máis, o partido que goberna no Concello torpedea proxectos beneficiosos para a cidade. “Non se lles pode dicir aos ferroláns e ferrolás ‘Opa Ferrol’ e despois votar en contra dos intereses de Ferrol”, dixo Mato, que invitou ao alcalde a defender á súa veciñanza antes que á súa formación política. “Todas e cada unha das veces que poña os intereses do Partido Popular por diante dos ferroláns reclamarémoslle que faga o traballo que lle foi encomendado”, advertiu, e insistiu en que “debería reflexionar” sobre o que aconteceu onte no Parlamento galego.
Mato valorou a creación do clúster coma un paso crucial para establecer sinerxías entre as empresas que traballan nun sector “punteiro”, pero tamén para facilitar o aproveitamento do coñecemento que se xera arredor da Universidade. Iso, nun momento no que os investimentos do Goberno se están traducindo, para a principal industria tractora, Navantia, nun programa de fragatas por valor de máis de 4.000 millóns de euros, a modernización do estaleiro a través de instalacións coma a fábrica dixital de bloques ou o centro de excelencia do xemelgo dixital ou a recente contratación dun novo buque de aprovisionamento en combate, tal como a ministra de Defensa comprometera co portavoz socialista hai escasos meses.
Julio Abalde explicou que a iniciativa que o Grupo Socialista levou ao pleno do Parlamento autonómico obedecía á “oportunidade” que representa o momento actual, cando “se está producindo un investimento importante no sector da defensa”, coincidiu con Mato. “E non o entendemos só como un mecanismo para xerar esa industria unica e exclusivamente de defensa, senón para que actúe de tractor para o resto da industria”, engadiu. Destacou, ademais, que Ferrol “cumpre todos os requisitos” para acoller o clúster, dado que na cidade se atopan Navantia e o Campus Industrial da UDC.
O deputado socialista lembrou que non é a primeira vez que a Xunta do PP constitúe “un obstáculo” para iniciativas clave para Ferrol. “O que custou que apostara pola unidade mixta de investigación de Navantia e a Universidade! E agora deféndena todos”, apuntou.
Fernández Piñeiro remarcou, pola súa parte, que “chove sobre mollado”, xa que tanto PP como BNG tamén se negaran a apoiar nos plenos muncipal e provincial o incremento dos investimentos en materia de seguridade e defensa, “fundamentais para a economía desta cidade e desta bisbarra”. “Incomprensiblemente, populares e nacionaistas, tan sensibles de boquilla co sector naval e coa necesaria carga de traballo, danlle as costas”, dixo.
O secretario provincial sinalou como responsabilidade dun alcalde “demandar ao Goberno do Estado e ás outras Administracións un compromiso firme”, e, nese senso, recordou que as competencias en materia de industria correspóndenlle á Xunta de Galicia, polo que lle debe reclamar “que dea un paso adiante e cree ese clúster, con máis de 300 empresas que poderían estar integradas”. Unha iniciativa que, subliñou, xa botou a andar en outras comunidades autónomas.