
Abel Losada critica a estratexia de “eletoralismo e curtopracismo” do PP galego, que renuncia á condonación dunha terceira parte da débeda de Galicia
O secretario de Economía do PSdeG, Abel Losada, criticou a “estratexia de endebedamento crecente”, do PP, que “non é capaz de rebaixar de forma sistemática e contundente” dos 12.000 millóns de euros. Así o dixo logo de coñecer os datos de débeda do terceiro trimestre, que queda fixada no 14,2 por cento do PIB, duplicando o 7 por cento que había cando o PP chegou ao goberno en 2009.
Sinalou que este é o resultado dunha traxectoria de goberno do PP que “non se viu referendada por unha simultánea política de reforzo dos servizos públicos esenciais”, que polo contrario están a ser desmantelados.
Losada reclamoulle ao goberno galego que lles explique aos galegos e galegas “onde vai recortar ou que servizos públicos non vai reforzar” logo de renunciar á quita da débeda seguindo a estratexia de “electoralismo e curtopracismo mal entendido” do PP en España. Lembrou que o proxecto de Lei de condonación da débeda abre a porta á quita dun terzo da débeda de Galicia, 5.000 millóns de euros de aforro no pago de intereses e amortización do principal.
Lamentou que en canto de mirar polos intereses dos galegos e das galegas e de reforzar os servizos públicos, o PP de Rueda prefira o “desleixo das súas funcións de goberno” para seguir coa estratexia de confrontación nacional.