
O secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, encabezará a representación socialista na protesta do domingo, que partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago de Compostela
O portavoz da Executiva socialista, Julio Torrado, denunciou que hai 360.000 galegos e galegas en lista de espera e que a agarda media para saúde mental xa é de cinco meses
Advertiu que o desmantelamento da sanidade pública apréciase en datos como que nos últimos 10 anos o número de galegos e galegas con seguro privado aumentou un 25 %
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, encabezará a representación do Partido Socialista na manifestación en defensa da sanidade pública galega que terá lugar en Santiago o vindeiro domingo, 1 de febreiro. Así o avanzou hoxe o portavoz da Executiva, Julio Torrado, nunha comparecencia na que lamentou que na comunidade “temos os mellores profesionais, pero a peor das xestións”, en referencia a unha Xunta do PP que reduce o orzamento destinado á retribución do persoal sanitario mentres se chega ao “peor dato histórico en esperas”. A protesta, que convoca a plataforma SOS Sanidade Pública, partirá ás 12.00 horas da Alameda compostelá.
Torrado describiu a situación da sanidade pública galega sinalando unha serie de datos que invitan “a reflexionar” e que recordou que son “os oficiais da propia Consellería de Sanidade”. Para o voceiro da Executiva socialista son números que ofrecen “un panorama realista”. Entre outros, referiuse aos 360.000 galegos e galegas en lista de espera, “ben sexa por unha consulta, unha proba diagnóstica ou unha cirurxía”. Segundo apuntou, “practicamente 50.000” destas persoas están no último caso, agardando por unha operación.
A iso engadiu a espera media “recoñecida” de máis de cinco meses para unha primeira consulta de saúde mental, algo que resulta especialmente grave cando Galicia é a comunidade autónoma “coa maior taxa de consumo de psicofármacos de toda España”.
Tal como explicou, non é o único ranking no que Galicia sae mal parada. “É a cuarta peor comunidade pagando aos seus profesionais”, dixo, aínda que matizou, con ironía, que por debaixo dela hai “algúns referentes da sanidade pública coma Madrid”. A posición é aínda peor en canto a recursos destinados a atención primaria, con só un 11,82 % do orzamento sanitario, para situarse á cola do país.
Julio Torrado chamou a atención sobre os efectos desta “situación enormemente problemática”, entre eles, que hoxe 460.000 galegos e galegas recorren a seguros privados, e xa son “un 25 % máis que hai dez anos”.
Cada vez que o conselleiro fala, alimenta un problema
“E ante esa realidade, o conselleiro ten dúas posicións: unha, dicir que todo vai ben e atacar a quen fai algunha crítica, e a segunda, estar calado desde que o Partido Popular descubriu que a mellor estratexia é que non fale”, dixo o voceiro socialista. “Debe de ser Rueda quen lle ordena calar, e a verdade é que cada vez que o conselleiro fala alimenta un problema no sistema sanitario”, engadiu.
Torrado tamén censurou que o PP leve 15 anos á fronte da Xunta “sen facer ningún tipo de modificación” nas súas políticas sanitarias pese a que a sanidade “é hoxe moi distinta á de hai 15 anos” e, por iso, “non se poden intentar as mesmas solucións nin se pode estancar o investimento como hai 15 anos”. Sobre isto último, subliñou que os orzamentos “medran por debaixo do que medra o incremento da vida”, de xeito que “a realidade é que decrecen”.
O portavoz da Executiva do PSdeG, que é, ademais, secretario de Sanidade, recordou as propostas que os socialistas puxeron enriba da mesa para dispor dunha sanidade pública “decente”. Citou o incremento do orzamento, en especial o dedicado a atención primaria, e o aumento de persoal en áreas tan necesitadas como pediatría e saúde mental. “Cremos que é posible investir máis e, sobre todo, facelo mellor”, asegurou.