

O deputado socialista Carlos López Font chamou a atención sobre que o 55 % dos asuntos que os populares levan á Cámara autonómica só buscan o enfrontamento co Goberno central
“A función deste Parlamento é controlar a acción executiva da Xunta”, recordoulles, e cualificou de “falta de respecto aos galegos e galegas” que os conselleiros comparezan non para falar das súas competencias, senón das do Estado
O deputado socialista Carlos López Font ironizou hoxe sobre a “sorpresa” de que Goberno galego comparecese ante o Parlamento de Galicia para informar sobre un asunto que non é da súa competencia. Font lamentou que o PP volvese usar a Cámara “co único obxectivo de confrontar” co Executivo central. “É a súa única preocupación”, afeoulles aos populares, aos que cualificou de “comando de axentes electorais de Feijoo”.
Dos dous sistemas de transporte máis empregados polos galegos e galegas —o tren, de competencia estatal, e o bus, na súa práctica totalidade de competencia autonómica—, o conselleiro de Presidencia solicitou falar do ferrocarril. “Pensabamos que viría dar conta dalgunha das súas moitas competencias, por exemplo, o transporte público de Galicia, que tantos centos de queixas ten sobre cambios de itinerarios, incumprimentos das concesionarias, viaxeiros de pé, problemas nos buses escolares e unha longa folga que está a afectar á vida diaria de moitas persoas”, enumerou o deputado do PSdeG para sinalar que a Xunta se pon “de perfil” ante os problemas que lle atanguen e desvía a atención falando dos que corresponden a outros.
“Válelles todo. Competencias propias que non exercen, competencias que asignan a outras administracións e comparecencias coma esta co único obxectivo de confrontar”, subliñou. López Font apuntou que o 55 % dos asuntos que o Goberno de Rueda e o Grupo Popular levan ao hemiciclo teñen como único obxectivo sementar a discordia, cando a función do Parlamento “é controlar a acción executiva da Xunta”, lembrou. “Nunha se acadou esa porcentaxe en lexislaturas anteriores”, engadiu sobre unha estratexia que constitúe “unha falta de respecto aos galegos e galegas”. “Nalgún momento pensei que solicitarían comparecencia para falar de Venezuela, como facían durante moitos plenos, pero agora nin a mencionan”, satirizou.
O deputado socialista criticou “a dobre vara de medir” do PP, que tras a vaga de incendios do pasado verán “tratou de desviar responsabilidades”, como tamén fixo coas emerxencias polos temporais. Cargou tamén contra o mantra co que xustifican os populares os problemas responsabilidade da Administración galega —“todo é mellorable”— mentres máis de 300.000 galegos e galegas están en lista de espera na sanidade e case 30.000 demandan unha vivenda pública.
Carlos López Font recoñeceu as dificultades que causaron os temporais no sistema de transporte, “tamén no de viaxeiros por estrada, polos que sería bo que comparecese a dar explicacións”, reclamoulle ao conselleiro.
“Ata na xestión dos accidentes hai diferenzas entre o Partido Socialista e o PP”, asegurou, e recordou “como xestionaron Rajoy, Pastor e Feijoo o accidente de Angrois, sen ningunha explicación, ningunha comparecencia, mentres o ministro Puente deu todas as explicacións”.
Investimento récord no ferrocarril en Galicia
Respecto da situación concreta do ferrocarril en Galicia, Font resumiuna defendendo que é “mellor que cando gobernaba o PP”, pero apoiou esa afirmación con datos. “O investimento medio anual total era con Rajoy de 2.000 millóns, e de 5.629 co de Pedro Sánchez; o investimento en rede convencional anual con Rajoy era de 400 millóns, e de 2.330 co de Pedro Sánchez; e o mantemento por quilómetro, de 46.000 euros con Rajoy e de 71.000 con Pedro Sánchez”, detallou.
A maiores, lembrou que foi co actual Goberno co que chegou o AVE a Galicia e que investiu 650 millóns na electrificación da liña Lugo-Ourense, 265 na renovación da liña Vigo-Ourense, 125 na construción da variante de Ourense e 93 millóns na modernización do tramo Ferrol-Ribadeo-Cudillero. A ese gasto en modernización engadiu o das estacións intermodais, cun total de 270 millóns e a aposta pola consolidación do corredor atlántico, que se traduciu en que 2025 se pechou cun investimento histórico de 3.123 millóns en proxectos ferroviarios, cun incremento do 171 % respecto do ano 2018.
O deputado do PSdeG citou, a maiores, investimentos nos accesos ferroviarios aos portos (160 millóns para o da Coruña e 110 para o de Ferrol), así como para as liñas interiores de ambas dársenas (31 millóns), o apartadeiro ferroviario na plataforma loxístico-industrial de Salvaterra (outros 31 millóns), así como os estudos en marcha para a saída sur de Vigo, a rede de proximidade galega, a mellora da conexión entre Lugo e Santiago e a conexión Vigo-Ourense por Cerdedo.