A secretaria de Transportes e Mobilidade Sustentable, Patricia Otero, sinalou que a decisión definitiva da Comisión Europea será fundamental para determinar o custe do rescate, pero mentres, “mantense a aposta socialista no camiño á gratuidade”, con bonificacións ao prezo das peaxes
O PSdeG celebrou hoxe por boca da súa secretaria de Transportes e Mobilidade Sustentable, Patricia Otero, que a resolución definitiva sobre a posible ilegalidade da prórroga que o Goberno de Aznar lle concedeu á concesionaria da AP-9 “estea cada vez máis cerca”. Para os e as socialistas, trátase dunha decisión fundamental para determinar o custe do rescate. Porén, mentres este non se produce, mantense a aposta do Partido Socialista por “protexer a economía dos galegos e das galegas, camiño á gratuidade da AP-9”, mediante bonificacións que están a abaratar as peaxes ata un 75 % no caso de usuarias e usuarios recorrentes, tamén na AP-53.
Segundo a Comisión Europea, que así o acaba de plasmar nun ditame motivado, a extensión da concesión das autoestradas ata o ano 2048, que o Executivo do PP acordou no 2000, vulnerou as normas da UE respecto aos procedementos de contratación, ao non convocar un procedemento de licitación pública nin publicar un anuncio a nivel da UE.
Aquela decisión supuxo un agravio para Galicia, onde se mantén o pago por circular polas autoestradas mentres se foi eliminando no resto do país conforme se cumprían os prazos das concesións. Por ese motivo, o Goberno socialista habilitou bonificacións que, desde 2018 ata agora, significaron un aforro de máis de 375 millóns de euros. “E tamén, froito do traballo do PSdeG e da sensibilidade do Goberno de Pedro Sánchez, desde abril deste ano existen descontos na AP-53, que permiten aforros de 315 euros ao mes entre Ourense e Santiago para os vehículos lixeiros e de 420 para os pesados”, explicou Otero sobre unha medida que o propio José Ramón Gómez Besteiro impulsou para que se incluíse no pacto de investidura.
A tamén deputada no Congreso reafirmou o compromiso dos e das socialistas con seguir avanzando nesas bonificacións “mentres loitamos por poñer fin a unha concesión herdada da mala praxe do PP e do Goberno de Aznar, decisión que nin Feijoo nin Rueda criticaron nunca”. A posible ilegalidade daquela prórroga “podería abrir a porta a unha solución máis xusta para Galicia e menos gravosa para o conxunto do Estado”, insistiu.