A deputada Patricia Otero instou a Rueda a aclarar se a Xunta se encargará de garantir a continuidade das paradas interurbanas de bus ou lle deixará a xestión ao Estado
Recordou que, co novo mapa concesional de transporte por estrada, baixarán as tarifas e o tempo de viaxe, e o Goberno facilitará un financiamento extraordinario ás comunidades
A deputada socialista Patricia Otero celebrou hoxe, tras a reunión da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, a conclusión do estudo para a implantación dun servizo ferroviario de proximidade en Galicia. Durante a sesión, o ministro de Transportes, Óscar Puente, avanzou que a próxima semana presentará na Cámara Baixa as conclusións do antedito estudo.
Segundo recordou Otero, redúcense así os prazos que o Goberno manexaba para ter listo o documento, xa que en diferentes ocasións mostrara a súa intención de rematalo cara finais de ano ou principios do 2026.
Nese senso, valorou, entre outros logros do Goberno socialista, o cumprimento dese impulso ao estudo de viabilidade do tren de proximidade, a chegada do AVE a Galicia, acadando “tempos de tres horas para a viaxe entre Santiago e Madrid” ou que “por primeira vez o corredor atlántico acadara o mesmo nivel de investimento que o corredor mediterráneo”. Sobre isto último, sinalou tamñen que foi o Executivo de Pedro Sánchez o que incluíu o ramal galego no corredor atlántico, cando un presidente galego e unha ministra galega, como eran Rajoy e Ana Pastor, a deixaran fóra. “Compromisos que son feitos”, remarcou Otero, e a eles engadiu o inicio do estudo de viabilidade para a liña entre Lugo e Santiago.
Por outra banda, durante a súa intervención na comisión, a parlamentaria socialista reclamoulle á Xunta que aclare se, no marco do novo mapa concesional de autobuses, vai aceptar a oferta que o Ministerio de Transportes lles trasladou ás comunidades autónomas para que xestionen desprazamentos interurbanos de bus que ata agora viña asumindo o Estado. “Que vai facer cos cartos que se envían para manter as paradas?”, preguntouse Otero, que instou ao Goberno de Rueda a entrar dentro do financiamento extraordinario de 40 millóns de euros que o ministerio habilitou para ese fin.
Otero cualificou de “bulo” a afirmación de que o Goberno central ía eliminar paradas de liñas interurbanas. De feito, así se puido comprobar o pasado xullo, despois de que o ministerio garantise o mantemento desas paradas. Agora, as comunidades deben aceptar a proposta antes do día 15, e no caso de que renuncien, eses servizos seguirán prestándose a través de concesións da Administración Xeral do Estado.
Entre os obxectivos do novo mapa concesional están a redución das tarifas dos buses e dos tempos de viaxe entre comunidades. Así, a rede estatal centrarase en xestionar a demanda de viaxeiros de longo percorrido, é dicir, as conexións directas entre os principais núcleos de poboación, mentres que as comunidades autónomas se fan cargo dos tráficos rexionais ata eses grandes núcleos.
Os fondos que o Estado destinará ás comunidades que acepten esa fórmula calcularanse atendendo a aspectos como o número de habitantes, as características xeográficas de cada territorio ou a dispersión da poboación.