

O voceiro de Economía da Executiva socialista galega reclamou unha nova estratexia de crecemento e emprego, baseada en innovación, investimento produtivo e igualdade de oportunidades, para que Galicia poida “volver situarse no ritmo de avance do conxunto de España”
O portavoz de Economía do PSdeG, Abel Losada, advertiu hoxe de que os datos publicados pola Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre de 2025 amosan “a preocupante falta de dinamismo da economía galega”, cun crecemento da ocupación moi inferior ao do conxunto de España.
Segundo explicou, no último ano a ocupación medrou en España un 2,6%, mentres que en Galicia o aumento foi só do 1,7%, “un punto menos que a media estatal, o que reflicte a atonía do noso mercado laboral”. Ademais, a taxa de ocupación galega segue 4 puntos por debaixo da española. “Galicia non logra converxer co resto do país nin en emprego nin en actividade económica”, afirmou.
O portavoz socialista advertiu de que este baixo ritmo de creación de emprego non é un fenómeno illado, senón o resultado dunha década e media de estancamento económico e demográfico. “Temos practicamente o mesmo número de ocupados que no ano 2009, cando o PP chegou á Xunta. Desde entón, Galicia perdeu poboación activa e apenas gañou capacidade produtiva”, sinalou.
Losada destacou tamén que, mentres o conxunto de España vive un ciclo expansivo de emprego e actividade, Galicia non é quen de aproveitar ese impulso. “O diferencial negativo de case un punto no crecemento da ocupación tradúcese en menor produción, menos consumo e menos oportunidades para a mocidade”, advertiu.
En canto aos orzamentos da Xunta para 2026, o voceiro de Economía do PSdeG lamentou que “non dean resposta a esta realidade”. Indicou que o Goberno galego presenta unhas contas sen ambición nin medidas específicas para impulsar o emprego, a pesar de que as transferencias do Estado aumentan máis dun 6%, mentres que o orzamento autonómico apenas sobe un 2%.
“Nun contexto de estancamento laboral, a Xunta opta por manter políticas pasivas e rebaixas fiscais a favor das rendas máis altas, en lugar de mobilizar recursos para reactivar a economía”, concluíu Losada.
O socialista reclamou, finalmente, unha nova estratexia de crecemento e emprego, baseada en innovación, investimento produtivo e igualdade de oportunidades, para que Galicia poida “volver situarse no ritmo de avance do conxunto de España”.