

A deputada Lara Méndez advirte en Comisión da perda de persoal do centro e da falta de planificación da Xunta
A deputada socialista Lara Méndez defendeu hoxe na Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes do Parlamento de Galicia a Proposición Non de Lei do PSdeG para esixir á Xunta a elaboración e aprobación urxente dun plan de recuperación e fortalecemento do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.
Durante a súa intervención, Méndez advertiu de que a situación que atravesa o centro “non é conxuntural nin puntual, é estrutural”, e sinalou que a saída de sete investigadores no pasado mes de outubro, seis deles de maneira voluntaria, evidencia un deterioro institucional, material e humano que pon en risco a continuidade dun referente histórico da investigación agraria galega.
A parlamentaria socialista lembrou que o centro leva máis de cen anos sendo un piar fundamental na mellora xenética, na innovación en sistemas sostibles de produción e na transferencia de coñecemento ao sector agrogandeiro. “Estamos a falar dun patrimonio científico e técnico de valor incalculable que non pode quedar abandonado pola falta de planificación e de compromiso político”, afirmou.
Falta de persoal, instalacións obsoletas e ausencia de planificación
Na defensa da súa iniciativa, Méndez recolleu as denuncias feitas públicas polo propio persoal investigador, que alertou da falta crónica de cobertura de prazas, da desaparición das xefaturas de departamento e da sobrecarga de traballo pola insuficiencia de persoal técnico e de campo.
Tamén fixo referencia ao estado obsoleto de maquinaria e instalacións, á situación das fincas experimentais e explotacións animais, así como ás dúbidas arredor de investimentos anunciados pola Consellería do Medio Rural, como o Banco de Xermoplasma inaugurado en xaneiro de 2024 sen estar plenamente operativo.
A deputada socialista cuestionou igualmente a xestión da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) e advertiu da ausencia dun contrato de xestión actualizado que garanta planificación, transparencia e participación do persoal investigador na definición das prioridades do centro.
A iniciativa do PSdeG reclama a cobertura inmediata das prazas vacantes, a modernización das infraestruturas e explotacións experimentais, a posta en funcionamento efectiva do Banco de Xermoplasma, a dotación de recursos económicos suficientes e a implantación dun modelo de gobernanza participativa e transparente.
“Galicia non pode permitirse perder talento nin debilitar un centro estratéxico para o medio rural”, concluíu Méndez, instando á Xunta a asumir a súa responsabilidade e garantir que continúe sendo un referente público de excelencia ao servizo do sector agrogandeiro galego.