
O secretario socialista de Economía, Abel Losada, advertiu que a situación estase volvendo “dramática” para a comunidade porque, malia o estancamento da poboación, o paro rexistrado non diminúe, como debera, a un ritmo superior ao do total estatal
Lamentou que a ralentización que a ralentización da actividade económica que poñen de manifesto eses datos mostra a falta, por parte de Rueda, “dun proxecto económico potente, planificado e que permita aproveitar os inxentes recursos que proceden tanto de Europa como do Goberno de España”
Os datos do mercado laboral que se veñen de publicar poñen de manifesto, unha vez máis, o menor dinamismo da economía galega fronte á do conxunto de España. O secretario de Economía e Facenda do PSdeG, Abel Losada, advertiu dese feito esta mañá.
“Se hai uns días era a publicación da Enquisa de Poboación Activa a que mostraba como a ocupación en Galicia medraba con moita menos intensidade que no total do país, especialmente no caso do emprego industrial, agora os datos de afiliación á seguridade social e de paro rexistrado detectan de novo ese menor dinamismo”, explicou, incidindo especialmente en que o emprego industrial “é un elemento central na estratexia de recuperación económica”.
Losada destacou tamén que no caso da afiliación á seguridade social durante o último ano “a intensidade da creación de emprego en Galicia é, en termos porcentuais, aproximadamente a metade que no conxunto de España”. No total estatal, hai 478.000 afiliados máis á Seguridade Social, o que representa un incremento do 2,3 %, pero en Galicia só son 16.700, co que a comunidade queda nun incremento de unicamente un 1,5 %.
Abel Losada chamou a atención sobre “a outra cara da moeda”: que ata o de agora era habitual que o paro rexistrado diminuíra con máis intensidade en Galicia que en España, por unha cuestión “non tanto vinculada á actividade, senón ás condicións demográficas”. Pero no último ano a comunidade autónoma “estase aproximando de maneira dramática” ás porcentaxes do conxunto do país pese a ao estancamento da poboación.
“O paro diminúe en Galicia practicamente coa mesma intensidade que no total de España, onde a poboación activa estase incrementando moito máis”, salientou o secretario de Economía do PSdeG, para o que “o único que mostra isto é a ralentización da actividade económica en Galicia fronte ao conxunto do país”.
Abel Losada lamentou que esa ralentización da actividade económica en Galicia mostra a falta, por parte de Rueda, “dun proxecto económico potente, planificado e que permita aproveitar os inxentes recursos que proceden tanto de Europa como do Goberno de España”.