
Patricia Iglesias insistiu en reclamar o “memorando secreto” asinado entre a pasteira e a sociedade Impulsa para coñecer se a Xunta se comprometeu a indemnizar á empresa no caso de que non se lle concedese autorización para pór en marcha a macrocelulosa de Palas de Rei
A deputada socialista Patricia Iglesias criticou hoxe en comisión parlamentaria a “nefasta política industrial” que está a desenvolver o Goberno de Rueda. Resumiu os dous anos de lexislatura en “moito acto institucional, moita foto, moita festa e un balance demoledor” con numerosos proxectos industriais estratéxicos (PIE) parados e sen xerar emprego real. “Iso non é impulso industrial. É fracaso absoluto”, afirmou.
Iglesias referiuse á baixa execución de programas orzamentarios relacionados coa industria, entre as que apuntou a destinada a promoción de solo industrial (cun nivel de só o 33,5 % no terceiro trimestre de 2025), a de regulación e soporte da actividade industrial (un 37,7 %) e a de planificación e coordinación económica (47,1 %). “Se os programas centrais da política industrial non chegan nin ao 50 % de execución, algo estrutural está fallando”, asegurou.
Para a deputada do PSdeG, foron dous anos “de confrontación e cero planificación”, cunha Xunta que “improvisa e paraliza os seus propios proxectos” mentres critica ao Goberno de España.
Patricia Iglesias sinalou especialmente “o gran engano de Altri”, que o PP presentou como “o proxecto tractor do século” e se converteu no “símbolo do fracaso do modelo do PP” despois dos tres “non” de carácter técnico que lle diu o Goberno central porque incumpría os criterios: “Non aos fondos de descarbonización, non á axuda singular e non á subestación eléctrica”. A iso uniu a liquidación de Impulsa Galicia con “cero resultados” e agochando o “memorando secreto” que asinaron Altri e esa sociedade, co entón conselleiro de industria como presidente.
Recordou que ese documento “nunca foi explicado con transparencia, non se detallaron os compromisos que contén e non se aclararon as garantías que asumiu a Xunta nel”, polo que insistiu en reclamar acceso a el. “Se non hai resposta, valoraremos acudir aos tribunais”, advertiu. O obxectivo, explicou, é coñecer se o Goberno do PP blindou a Altri “comprometéndose a indemnizala con cartos públicos no caso de que se denegase o proxecto” da macrocelulosa de Palas de Rei.