Lara Méndez reprocha a Rueda que “presida actos do PP, pero non presida os Consellos da Xunta” e lembra que durante o apagón “delegou a emerxencia no Goberno central e marchou para casa a durmir”
Santiago de Compostela, 24 de maio de 2025. A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, criticou hoxe que o Partido Popular “volva utilizar Galicia como decorado das súas roldas de prensa”, en referencia ao acto previsto este fin de semana no concello de O Pino, ao que asistirán os principais dirixentes do PP.
“Veñen en bloque, Feijóo incluído, non a propoñer nada, senón a atacar o Goberno de España mentres desatenden os problemas reais da cidadanía”, denunciou Méndez.
A dirixente socialista advertiu de que “Rueda preside actos do PP, pero non preside os Consellos da Xunta. Vai a festas de partido, pero desaparece cando hai que dar a cara. Galicia merece un presidente a tempo completo, non un delegado de Xénova”.
Méndez engadiu que “non é a primeira vez que abandona as súas funcións para irse a un acto de partido”, e subliñou: “Convén recordarlle algo moi básico: vostede non se debe ao Partido Popular. Vostede se debe aos galegos e ás galegas”.
A secretaria de Organización do PSdeG recordou que “durante a emerxencia do apagón, Rueda non estivo no centro de coordinación, non deu explicacións, declarou o nivel 3 para quitarlle a responsabilidade de enriba… e marchou para casa a durmir. Así entende el o seu papel como presidente da Xunta”.
Fronte a esta actitude, Méndez cargou contra o comportamento do PP en Madrid: “E mentres tanto, cando hai que defender os intereses da xente, o PP sempre vota que non. Votaron que non ao salario mínimo, que non á subida das pensións, que non aos bonos gratuítos dos trens, que non ás axudas fronte aos aranceis. Sempre do lado contrario ao que necesita Galicia”.
A dirixente socialista concluíu advertindo de que “a cidadanía está farta de ser espectadora das campañas do PP. Galicia non é un plató de campaña, nin un decorado para as súas fotos. Galicia é un país que merece respecto, seriedade e un goberno presente”.
“Desde o PSdeG temos claro onde hai que estar: asumindo responsabilidades, defendendo á xente e facendo política útil. Esa é a nosa forma de facer país”, finalizou.