A deputada Patricia iglesias denuncia que nin Rueda nin Feijóo foron quen de xestionar con responsabilidade os fondos estatais, e que a Xunta deixa sen executar millóns mentres Lugo e Ourense desaparecen do mapa de investimentos
A deputada do Grupo Socialista no Parlamento galego Patricia Iglesias cargou esta mañá contra a nefasta xestión do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) por parte do Goberno galego, despois de que o Consello de Contas confirmase que Lugo e Ourense non recibiron nin un só euro destes fondos nos anos 2022 e 2023
“O que amosa este informe é que o PP leva anos xestionando mal e excluíndo á Galicia interior de calquera planificación seria. Nin Rueda agora nin Feijóo antes foron capaces de facer do FCI unha ferramenta útil. A realidade é que temos un goberno que non executa, non reparte e non planifica”, sinalou a deputada en rolda de prensa.
Segundo recolle o informe do Consello de Contas, en 2022 Galicia recibiu 39,4 millóns de euros do FCI, ademais de remanentes de exercicios anteriores que elevaron a dotación total a 102,5 millóns. Con todo, o goberno galego comprometeu só 50,4 millóns en 2022, “e executou menos do 50 % deses cartos”, sinalou Iglesias.
O FCI está recollido no artigo 158.2 da Constitución como un mecanismo para garantir a solidariedade territorial. Pero, segundo denunciou, “Galicia non só executa mal, senón que emprega os fondos sen criterios coñecidos, sen transparencia e sen ter en conta a ninguén”.
Para Iglesias, que dúas provincias enteiras non reciban nin un euro “xa non é un erro: é unha forma de gobernar. E a Xunta leva demasiado tempo asumindo que hai partes de Galicia ás que non cómpre prestarlles atención”.
O informe de Contas tamén sinala que o Goberno de Rueda segue “sen implantar sequera un rexistro contable específico, sen facilitar información aos concellos e sen ningún mecanismo para que os municipios poidan participar”.
Nesta liña, Patricia Iglesias sinalou que o que denuncia o informe é “o retrato perfecto do que pasa cando se goberna de costas ao territorio: os cartos pérdense, os prazos pásanse e os concellos quedan sen resposta. A Xunta converteu unha ferramenta estatal clave nun fondo sen rumbo e sen xustiza”.
Por iso, o PSdeG esixe a posta en marcha inmediata dun rexistro contable transparente para o FCI, criterios públicos e equitativos de reparto entre provincias, información e asesoramento aos concellos da Galicia interior para que poidan beneficiarse dos fondos e o reinvestimento planificado dos máis de 50 millóns sen executar nos últimos exercicios.
A socialista insistiu en rexeitar a política do PP: “Sempre fan o mesmo: prometer moito, executar pouco e ocultar todo. Pero xa está ben. Galicia necesita un goberno que xestione, non que desapareza cando toca investir. Porque cando a Xunta falla, quen o paga son os concellos, as comarcas e a xente”.