

A deputada Silvia Longueira asegura que o que fai o PP en Dependencia “non é un plan de choque, é unha operación para baixar números a costa dos dereitos das persoas dependentes”
O PSdeG acusou hoxe á Xunta de estar a utilizar os fondos da dependencia para “maquillar as listas de agarda” en lugar de reforzar de maneira estrutural o sistema público de coidados.
A deputada socialista Silvia Longueira respondeu á iniciativa defendida pola deputada popular Raquel Arias lembrándolle que o seu partido presentou 14 recursos contra decisións do Goberno do Estado entre 2021 e 2024, entre eles o do Ingreso Mínimo Vital. “Non poden escandalizarse agora polo uso das ferramentas xurídicas cando as empregaron de maneira sistemática”, sinalou.
Longueira referiuse tamén á situación xurídica do chamado Plan de Choque, cuxo recurso continúa en tramitación no Tribunal Constitucional, aínda que se levantou a suspensión provisional. “O debate non é procesual, é político: se o modelo garante dereitos ou só busca baixar cifras rapidamente”, advertiu.
A parlamentaria socialista cuestionou que a Xunta estea a priorizar prestacións económicas de 416 euros mensuais fronte a recursos estruturais como o Servizo de Axuda no Fogar ou as prazas residenciais. Ao seu xuízo, esta estratexia permite reducir números no curto prazo, pero pode abrir un problema maior no futuro.
“Teñan previsión. Se as persoas dependentes comezan a reclamar porque se lles está abonando unha contía inferior á que lles correspondería segundo valoración técnica e dereito recoñecido, a Xunta terá que facer contas do que lle pode custar”, advertiu.
Longueira insistiu en que cumprir a Lei de Dependencia non é mellorar posicións nun ranking, senón garantir coidados axeitados, estabilidade para as familias e seguridade xurídica no sistema “porque non se esquezan que falamos de persoas e dereitos, non de cifras”.