
Patricia Iglesias advirte de que Galicia acumula proxectos mineiros xudicializados, conflitos de intereses e inseguridade xurídica tras máis de 16 anos de gobernos do PP
A deputada socialista Patricia Iglesias cargou este domingo contra a política mineira da Xunta, á que acusou de funcionar “sen planificación, sen control e á marxe da confianza social”, e anunciou o rexistro de varias iniciativas parlamentarias para esixir explicacións sobre as irregularidades que rodean distintas explotacións mineiras en Galicia.
Iglesias denunciou que Galicia segue sen un Plan Sectorial de Minas aprobado, a pesar de ser unha obriga legal, mentres o Goberno galego continúa autorizando proxectos “a golpe de expediente, sen regras claras e cunha sucesión de problemas que acaban nos tribunais”. “Isto non é unha cuestión ideolóxica nin un debate teórico: é un problema político grave de modelo”, afirmou.
A deputada do PSdeG advertiu de que casos como Penouta, San Finx, A Gudiña ou Touro–O Pino amosan un patrón común: autorizacións cuestionadas, deficiente control ambiental, inseguridade xurídica e consecuencias directas para o territorio e para as persoas. “Non é que falle un proxecto concreto; é que falla o modelo da Xunta”, subliñou.
Patricia Iglesias puxo o foco tamén na falta de transparencia e nos posibles conflitos de intereses en informes técnicos utilizados para impulsar explotacións mineiras, así como na ausencia de avaliacións ambientais completas en proxectos de alto impacto. “Cando é a xustiza quen ten que poñer orde, é porque a Administración non está a facer o seu traballo”, advertiu.
Neste contexto, a deputada socialista anunciou que rexistrou varias iniciativas no Parlamento de Galicia para reclamar información detallada sobre estes procedementos, garantir o cumprimento estrito da legalidade ambiental e aclarar por que Galicia segue sen un marco de planificación mineira despois de máis dunha década e media de gobernos do PP.
Iglesias quixo deixar claro que o PSdeG non está contra a minería nin contra a industria. “Estamos en contra dun modelo extractivo e improvisado, que socializa os riscos no rural e non garante retorno nin seguridade xurídica”, sinalou. “Estratéxico non pode ser sinónimo de saltarse a lei nin de mirar para outro lado cando hai advertencias técnicas, ambientais ou xudiciais”.
Para a deputada, Galicia necesita “unha política mineira seria”, baseada nun Plan Sectorial con zonificación clara, control ambiental real, garantías financeiras suficientes e participación efectiva dos concellos e da cidadanía. Porque, segundo explicou, “sen planificación non hai minería sostible. Hai conflitos, hai desconfianza e hai territorios que pagan sempre a factura”.