

Carmen R. Dacosta sinala que “mentres a Confederación Hidrográfica traballa con 17 brigadas, a Xunta practica o escapismo político botándolle a culpa aos demais”
Reclama un Plan fronte a contaminación das captacións de auga provocadas pola cinza en Valdeorras
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, acusou hoxe á Xunta de deixar de novo “abandonados” aos concellos afectados primeiro polos incendios e agora fronte ás escorrentías. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta un Plan integral de revitalización do rural e un Plan de ordenación do territorio pensado para prever os incendios que foi rexeitado polo PP.
Dacosta acusou ao goberno galego de facer “oídos xordos” fronte ás chamadas de atención do PSdeG alertando das consecuencias dos incendios á chegada das chuvias. Criticou que o goberno galego “non fixo o que tiña que facer” actuando sobre o terreo afectado para consolidar os solos, crear barreiras naturais, protexer as zonas de captación e acompañar aos concellos na recuperación.
Denunciou o desleixo da Xunta cando chega “a segunda traxedia” en forma de contaminación das captacións de auga, arrastres de cinza e terra a ríos e regatos ou a degradación das fontes de abastecemento, que “deixan sen seguridade nin estabilidade o día a día de milleiros de veciños”. Criticou que malia ás peticións unánimes dos concellos afectados, o goberno galego non presentou “nin unha sola medida, nin un Plan integral, nin apoio real”.
Sinalou que “mentres vostedes se xustifican” sen facer nada, “outros traballan”, como a Confederación Hidrográfica Miño – Sil, que leva traballando dende agosto cun dispositivo de 17 brigadas e un total de 85 profesionais que van seguir cinco meses máis protexendo ribeiras e manantiais e estabilizando solos.
Resumiu que mentres o PP “practica o escapismo político” teñen que ser os alcaldes, as brigadas municipais e os propios veciños os que estean limpando regatos, levantando diques de contención con palla, muros de pedra e pequenas barreiras naturais para frear a erosión e a contaminación da auga”. A parlamentaria socialista dixo que “falta planificación, falta prevención e, por desgraza, sobra autocompracencia”, como están a denunciar os alcaldes das zonas afectadas.
Subliñou que “o que Valdeorras e Galicia enteira necesitan non son escusas nin culpables, senón responsabilidade, cooperación e compromiso real” por parte dun concello que “deixe de mirar cara outro lado e escoite aos concellos e aos veciños e veciñas e se poña dunha vez por todas ao lado da xente”. Reclamou un Plan fronte á contaminación das captacións de auga provocada polas cinzas en Valdeorras.
Plan de revitalización e de ordenación do territorio
Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei que presentou no Pleno do Parlamento para reclamarlle á Xunta que poña en marcha un Plan integral de revitalización do rural galego, con medidas reais de apoio á agricultura, á gandería e á silvicultura sostible. Tamén pediu un Plan de ordenación do territorio baseado en mosaicos de usos, cortalumes verdes e a xestión activa da biomasa para frear os incendios antes de que se produzan.
Finalmente, pediu o deseño de “políticas forestais adaptadas ao cambio climático” e que “fagan o que ten que facer, que é planificar, prever e actuar con responsabilidade” fronte a uns incendios que só se poden frear con políticas preventivas decididas e eficaces. Esixiulles que “deixen de lado o triunfalismo e se poñan a traballar en serio, asuman a súa responsabilidade e lideren un cambio de modelo que integre as dimensións territorial, ambiental, económica e social do problema”.