

Elena Espinosa advertiu que o sistema debe enfrontar reformas: “Non queremos que volva haber xente agardando desesperada nos corredores”
A deputada do PSdeG Elena Espinosa alertou hoxe no pleno do Parlamento galego que “a nosa sanidade pública vén dando síntomas de enfermidade crónica que cada vez necesitan un tratamento máis custoso e moita planificación”. A tamén viceportavoz primeira do Grupo Socialista advertiulle á Xunta que non se pode permitir un sistema “con problemas permanentes, todos os días”, e destacou que a sanidade “debe enfrontar reformas” para atallar o problema.
Espinosa salientou que a preocupación pola situación da sanidade volveu medrar en Galicia ata situarse como o segundo dos problemas da cidadanía, só por detrás da vivenda. Porén nas provincias de Lugo e Ourense xa ocupa o primeiro lugar. “E un dos temas estrela son as demoras, que se perciben tamén nos centros de saúde, con cupos nos que resulta practicamente imposible conseguir unha cita en menos dunha semana”, alertou sobre un problema que xa afectaba á atención hospitalaria e que, cada vez máis, se traslada aos ambulatorios.
A deputada socialista chamou a atención sobre o descenso da nota que os galegos e as galegas lle outorgan á sanidade galega, que nos últimos seis anos pasou dun 6 a un 5. Esa tendencia, dixo, apunta á necesidade de acometer “cambios de calado”.
Recordou tamén que “o verán está preto” e, dado que se trata dun período no que se incrementan determinados problemas de saúde, medra a poboación en zonas turísticas e o sistema debe asumir as vacacións dos profesionais, “débese realizar unha planificación axeitada para evitar situacións de saturación” como as vividas durante os picos da gripe deste inverno.
De feito, criticou que nese período se produciron episodios de “clara sobresaturación” tamén nos servizos de urxencias, “coas consecuencias directas que isto ten tanto no funcionamento ordinario do sistema sanitario público como na calidade da atención que recibe a cidadanía”.
Elena Espinosa demandoulle ao Goberno de Rueda unha resposta ao que xa se converteu nunha situación “estrutural”, ante a que se require “planificación e reflexión”. Esixiu, nese senso, un incremento dos recursos humanos e que abandone a súa “actitude de compracencia”. “Non queremos que volva haber xente agardando desesperada nos corredores”, dixo sobre unha circunstancia que se repite cada vez máis nas urxencias.