Aitor Bouza critica que Rueda actúe de novo como delegado de Feijóo en lugar de como presidente de todos os galegos e galegas
O PSdeG lamenta que a Xunta de Galicia se sume, unha vez máis, ao bloque de comunidades gobernadas polo PP que rexeitan asistir ao Cumio do Clima convocado polo Goberno de España.
O deputado socialista Aitor Bouza cualificou a decisión de “unha irresponsabilidade que prexudica directamente a Galicia” e advertiu de que “non se pode defender o país quedando fóra das mesas onde se toman as decisións”.
“Rueda actúa de novo como delegado de Feijóo e non como presidente de Galicia. Cada vez que Madrid marca o camiño, a Xunta agacha a cabeza”, denunciou Bouza.
O socialista lembrou que “non é a primeira vez que pasa”: “Fixérono co Pacto para o reparto de menores migrantes, que romperon por orde de Génova; fixérono coa financiación autonómica, cando renunciaron a defender o que nos corresponde; e repíteno agora, cun tema tan serio como o cambio climático.”
Bouza advertiu de que a decisión de ausentarse do Cumio “non é un simple xesto político, é un erro que deixa a Galicia sen voz e sen presenza nun foro esencial”.
Engadiu ademais que “o PP está optando por unha senda perigosa, asumindo as máximas da ultradereita, tamén no que ten que ver co negacionismo climático”.
“Negar o problema ou mirar para outro lado non o fai desaparecer. Galicia é unha das zonas máis vulnerables ao cambio climático, e a Xunta debería liderar a resposta, non boicotear os espazos onde se buscan solucións”, subliñou o deputado.
O parlamentario recordou tamén que Galicia foi este verán unha das comunidades máis castigadas polos incendios forestais, os peores das dúas últimas décadas. “Mentres o noso monte ardía, o Goberno galego miraba para outro lado. E agora, cando toca pedir máis recursos e máis coordinación, deciden non ir. É incomprensible”, engadiu.
“Galicia non pode ser refén das ordes de Feijóo. Temos dereito a estar nas decisións que marcan o noso futuro. E o cambio climático é, sen dúbida, unha desas decisións”, concluíu Bouza.
O PSdeG reclama á Xunta que rectifique e participe activamente no Cumio do Clima “porque non se pode falar de futuro, nin de sustentabilidade, nin de Galicia, se non se está disposto a escoitar, dialogar e actuar”.