

A deputada Patricia Iglesias insta a negociar o financiamento e aceptar a quita de débeda: “negociar é defender Galicia”
Denunciou a contradición permanente do Goberno galego, que reclama máis financiamento ao Estado mentres reduce os seus propios ingresos
Sinalou que os orzamentos da Xunta para 2026 inclúen bonificacións fiscais para os máis ricos, “un 4’2% dos galegos e das galegas”
O PSdeG advertiu hoxe de que Galicia chega ao Debate do Estado da Autonomía sen unha posición propia en materia de financiamento autonómico por decisión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que acusan de bloquear calquera avance por seguir a estratexia do Partido Popular estatal.
A deputada socialista Patricia Iglesias foi directa: “Non é que a Xunta non poida negociar. É que non quere. E non quere porque Alberto Núñez Feijóo non lle deixa abrir este debate”.
Iglesias contrapuxo esta actitude coa do Goberno de España, que puxo enriba da mesa unha proposta real para avanzar cara a un novo modelo de financiamento. Nesa liña, lembrou que o vicepresidente Carlos Cuerpo cualificou esa proposta como unha base excelente para o acordo, mentres que o ministro Arcadi España pediu visión de Estado ás comunidades autónomas. Pero, sinalou, “en Galicia temos o contrario: un goberno que nin presenta proposta nin se senta a negociar”.
O PSdeG defende que os 587 millóns ofrecidos polo Goberno deben entenderse como un punto de partida e non unha meta. “Así o vén sostendo o secretario xeral socialista, José Ramón Gómez Besteiro, que aposta por abrir unha negociación que permita mellorar esa cifra incorporando as singularidades de Galicia, como o avellentamento da poboación, a dispersión territorial ou a despoboación”, lembrou a deputada.
Patricia Iglesias advertiu de que Galicia non pode quedar fóra deste debate: “O que toca é negociar con ambición e con datos enriba da mesa”, sinalou, ao tempo que lembrou que a comisión de financiamento foi reactivada por iniciativa do PSdeg con apoio unánime do parlamento: “Agora hai un instrumento para traballar. o que falta é que a xunta queira facelo”, engadiu.
A deputada puxo tamén o foco na proposta de condonación de 4.000 millóns de euros de débeda para Galicia, que cualificou de unha oportunidade evidente xa que “estamos falando de recursos que deixarían de ir a pagar intereses e poderían destinarse directamente a reforzar os servizos públicos”, explicou.
Actualmente, a débeda galega supera os 12.000 millóns de euros, cun custo anual en xuros que rolda os 1.800 millóns. “ninguén entende que se diga que non a algo así. se a calquera familia lle reducen a súa hipoteca, non o dubida. aquí debería pasar o mesmo”, afirmou.
Contradición permanente do PP
O PSdeG denunciou tamén a contradición permanente do Goberno galego, que reclama máis financiamento ao Estado mentres reduce os seus propios ingresos. Segundo sinalou, os orzamentos de 2026 inclúen bonificacións fiscais cun impacto de 797 millóns de euros, que benefician a unha minoría moi concreta.
“Non se pode pedir máis recursos para sanidade, educación ou dependencia e ao mesmo tempo renunciar a ingresos propios. esa política ten consecuencias, e estanse vendo”, advertiu.
A socialista insistiu en que o financiamento autonómico é un debate central para o presente e o futuro de Galicia, xa que determina a capacidade de soster os servizos públicos. “Falamos de atención primaria, de listas de espera, de educación ou de dependencia. non é un debate afastado da realidade da xente”.
Neste contexto, avanzou que o PSdeG acudirá ao Debate do Estado da Autonomía con propostas para mellorar o financiamento, aceptar a quita da débeda e avanzar cara a unha política fiscal máis xusta. E aí, dixo, é cando “Rueda terá que decidir se segue instalado no bloqueo ou se empeza a defender Galicia con feitos”, concluíu.