

Besteiro interpelará ao presidente da Xunta no próximo pleno sobre se está a defender os intereses do país cando se levanta de todas as mesas de negociación
Carmen Dacosta anuncia que o grupo socialista levará ao pleno iniciativas sobre a débeda, a sanidade, o rural e a defensa do galego en Europa
A viceportavoz segunda do Grupo Parlamentario Socialista, Carmen Dacosta, cargou este luns contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a quen acusou de “antepoñer, unha vez máis, os intereses do Partido Popular aos de Galicia”. Fíxoo nunha comparecencia no Parlamento na que avanzou as iniciativas que o PSdeG defenderá no pleno da vindeira semana.
Dacosta asegurou que “cada decisión que toma Rueda responde á estratexia de partido e non ao que precisa este país”, e advertiu de que esa actitude está deixando a Galicia “sen voz propia, sen peso político e sen capacidade de decisión”.
“Temos un presidente máis preocupado polo que lle mandan desde Madrid que polos problemas reais da xente”, lamentou, antes de subliñar que “cada vez que Galicia precisa diálogo e compromiso, Rueda escolle o camiño da ruptura e da submisión”.
Besteiro pedirá explicacións a Rueda
Neste contexto, o voceiro socialista, José Ramón Gómez Besteiro, formulará no pleno unha pregunta directa ao presidente da Xunta pedíndolle explicacións por “poñer os intereses do PP e de Feijóo por riba dos galegos e das galegas”. “Xa non se trata dun erro puntual, senón dunha forma de gobernar que prexudica a Galicia”, dixo Dacosta.
A deputada sinalou que é hora de que Rueda “explique por que está convertendo a Galicia nun instrumento da estratexia de Feijóo e Ayuso, e por que, cada vez que ten que escoller entre obedecer a Génova ou defender este país, sempre remata facendo o mesmo”.
Entre as iniciativas do PSdeG destaca unha Moción para que o Goberno galego acepte a quita da débeda de 4.010 millóns de euros ofrecida polo Executivo estatal, o que permitiría un aforro directo de 620 millóns este mesmo ano.
Dacosta cualificou de “irresponsable” a negativa da Xunta a aceptar esa proposta, “mentres deixa de ingresar 796 millóns de euros en beneficios fiscais que só benefician ao 4 % máis rico de Galicia”.
Ademais, o grupo presentará dúas proposicións non de lei vinculadas ao medio rural.
A primeira pide que a Xunta adapte as súas políticas forestais ao cambio climático e poña en marcha un plan integral de revitalización do rural, con apoio á agricultura, gandería e silvicultura sostibles, así como un novo plan de ordenación do territorio centrado na prevención de incendios.
A segunda busca impulsar un plan estratéxico para fomentar a agricultura e a gandería extensivas, garantir o relevo xeracional e crear o banco público de terras.
Defensa do galego en Europa
O PSdeG tamén interpelará á Xunta pola súa postura ante a cooficialidade do galego no Parlamento Europeo. Dacosta instou ao PP a “deixar de aparentar” e a apoiar “sen ambigüidades o recoñecemento do galego, xunto co catalán e o éuscaro, como linguas oficiais da UE”.
“É hora de que o PP se quite a careta: non se pode presumir de defender a lingua e logo torpedear o seu recoñecemento”, advertiu a deputada.
Sanidade e transporte, tamén na axenda
O Grupo Socialista completará a súa actividade con varias preguntas orais ao Goberno galego. Entre elas, unha para repor o médico no Centro de Saúde de Frades, outra sobre o calendario de posta en marcha da unidade de ictus en Ourense, e unha terceira acerca das previsións da Xunta para mellorar o transporte público no Baixo Miño.
Dacosta concluíu asegurando que o PSdeG seguirá poñendo o foco “nas consecuencias reais do abandono de Galicia” e reiterou que “este país merece un goberno que o defenda, non que o utilice”.