
Silvia Longueira pide visibilidade para a expresión artística e cultural máis achegada á terra con tres exemplos de iniciativas multidisciplinares que poñen en valor a riqueza cultural da Baixa Limia
A secretaria de Cultura e Lingua do PSdeG, Silvia Longueira, levou ao Concello de Entrimo a iniciativa de divulgación cultural DESDE-A-MARXE iniciada polo PSdeG hai dúas semanas co obxectivo de “escoitar, compartir e dar visibilidade á creación cultural”. Longueira foi a encargada de dirixir o acto de hoxe, que abriu o alcalde da localidade, o socialista Ramón Alonso, e que contou coa presenza da secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez.
Longueira reivindicou o emprendemento cultural máis achegado á terra nesta ocasión con tres exemplos de estudo e divulgación cultural “dende e para a Baixa Limia”. Foi a quenda do colectivo de xestión cultural Bolboreta, integrado por dúas programadoras audiovisuais que ofreceron a súa experiencia na xestión cultural como método de dinamización no rural galego.
A continuación, a doutora en filoloxía e investigadora no Instituto da Lingua Galega Reyes Rodríguez Rodríguez describiu a súa experiencia no estudo das variables da lingua, sinaladamente a variante da Baixa Limia e as reminiscencias do galego clásico que pervive moito máis coidado nos pequenos núcleos. Finalmente, Olga Bernardo ofreceu unha mostra da súa obra pictórica que estuda as cores dende o expresionismo a través da abstracción figurativa.

As tres mostras ofreceron unha breve descrición da súa experiencia artística e cultural ao xeito do pechakucha xaponés, dando paso a un debate entre os participantes ao acto, guiado pola experiencia da tamén parlamentaria autonómica e portavoz de Cultura e Lingua do Grupo Socialista, Silvia Longueira, que puxo en valor o traballo dende as tres disciplinas e a súa repercusión no impulso da expresión cultural particular da Baixa Limia.
O alcalde da localidade, Ramón Alonso, trasladou o orgullo do exemplo que ofrecen “tres mulleres sobresaíntes nas súas especialidades” e a súa loita no campo da cultura fronte ao “agravio comparativo secular” de xénero. Salientou a implicación dos veciños e veciñas do Concello coa iniciativa organizada polo PSdeG que está a poñer o foco nas iniciativas culturais fóra do circuíto maioritario,.
O encontro de hoxe, que continuará cunha parada en Ferrol, busca tecer unha rede entre proxectos que nacen dende o territorio de xeito independente e que quedan fora do circuíto cultural maioritario. Longueira lembrou que DESDE-A-MARXE aspira a converterse en altofalante para os creadores e creadoras e a abrir espazos de encontro enriquecedores arredor da expresión cultural.