
Lara Méndez esíxelle á Xunta que se poña “ao carón dos gandeiros e gandeiras” e exerza as súas competencias para frear a caída de prezos do leite
A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Lara Méndez, afeoulle hoxe ao PP que votara en contra da proposta que levou á Comisión de Agricultura para reclamar que as renovacións dos contratos lácteos cumpran coa Lei da Cadea Alimentaria impedindo calquera compra por baixo dos custes de produción. Méndez acusou ao PP e ao goberno galego de abandonar ao sector mentres continúa a desaparición de explotacións.
Esixiulle hoxe ao PP e ao goberno galego que se poñan “ao carón dos gandeiros e gandeiras”, aos que está deixando desamparados fronte ás industrias. Lembrou a responsabilidade da Xunta para “vixiar, controlar e actuar”, e advertiu que “non pode ser un espectador” mentres as distribuidoras están a ofrecer contratos por baixo dos custes de produción.
Advertiu que a maioría dos contratos vencen o 31 deste mes, e a industria quere impoñer baixadas de entre 3 e 9 céntimos por litro, o que supón millóns de euros de perdas para un sector que xa se atopa “profundamente tensionado e nunha situación límite”. Sinalou que os produtores non están en condicións de negociar en igualdade, xa que non teñen capacidade para facerse fortes fronte ás grandes industrias, e os contratos están a ser impostos en condicións claramente desfavorables.
E mentres tanto o goberno galego está a deixar desamparado a un sector que produce máis leite que ninguén no Estado, deixando de investir case 2.000 millóns de euros nos últimos 16 anos e limitándose a “fotos e titulares” mentres o sector agoniza. Advertiu que Galicia segue a perder explotacións, 314 no último ano, situándose por primeira vez por baixo das 5.000, e nos próximos anos vanse xubilar dous de cada tres gandeiros, o 70 por cento dos titulares das explotacións.
Méndez reclamou hoxe tamén o reforzo efectivo do Observatorio Galego do Sector Lácteo con recursos técnicos e humanos suficientes, a promoción de acordos estables de cadea fomentando contratos a medio e longo prazo que garantan estabilidade ás explotacións, que foi rexeitado polo PP.
Tamén votaron en contra de impulsar de políticas activas de apoio ao sector lácteo orientadas á mellora da rendibilidade, á incorporación de mozos e mozas, á innovación produtiva e á sustentabilidade ambiental das explotacións.
A responsable socialista subliñou que “non vale a equidistancia” porque “cada granxa que pecha é emprego que se perde, territorio que se abandona e futuro que desaparece”, mentres o goberno galego aboca á desaparición ás explotacións galegas “pola inacción e porque non gobernan”.