Besteiro: “Hoxe hai médicos en Galicia que atenden 50 persoas ao día. Catro minutos por paciente non é sanidade, é pasar lista”
O Grupo Socialista pedía recuperar as Xerencias de Atención Primaria, eliminadas polo PP en 2012, e fixar un número máximo razoable de consultas por profesional para garantir unha atención digna
“Hoxe hai médicos en Galicia que atenden 50 persoas ao día. Así non hai sistema que resista. Catro minutos por paciente non é sanidade, é pasar lista”. Con esta advertencia, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou este luns no Parlamento galego o deterioro da atención primaria e defendeu a necesidade de blindar por lei o dereito a ser atendido nun prazo máximo de 48 horas. A proposta do Grupo Socialista foi rexeitada polo PP e contou co apoio do BNG.
A iniciativa incluía medidas como:
Establecer legalmente un prazo máximo de 48 horas para obter cita en atención primaria.
Recuperar as Xerencias de Atención Primaria, eliminadas polo PP en 2012.
Fixar un número máximo razoable de consultas por profesional para garantir unha atención digna.
Priorizar e reforzar os centros máis tensionados.
Prohibir o uso de clínicas privadas como alternativa á atención primaria pública.
Besteiro advertiu que “a calidade está dentro do sistema, pero o acceso está roto. E iso é responsabilidade de quen xestiona”. E engadiu: “Ter profesionais excelentes e recortar nos recursos ou organizar mal o sistema é como ter un Ferrari aparcado na porta e non ter as chaves. Un luxo desaproveitado, un servizo colapsado pola falta de planificación”.
“Non sei en que mundo viven vostedes”
Durante a súa intervención final, Besteiro interpelou directamente á deputada do PP, Encarnación Amigo, tras escoitala afirmar que o sistema funciona con normalidade: “Non sei en que mundo viven vostedes, señora Amigo. Non pode dicir que a atención primaria funciona en Galicia porque non é verdade. E só poden dicir iso se non van aos centros de saúde”.
O líder do Grupo Socialista advertiu que o modelo do PP castiga os centros de saúde, afoga aos profesionais e empurra aos pacientes cara á sanidade privada: “Recortan na pública e desvían á concertada. É un modelo perverso que non busca resolver o problema, senón trasladalo”.
A situación é especialmente grave no rural: “Hai concellos enteiros sen pediatra, con centros pechados durante días, ou con só un médico para centos de pacientes. Esa é a Galicia real. A que non sae nos anuncios de Rueda”.
“Non estamos pedindo nada extraordinario”
Besteiro defendeu que garantir unha cita en 48 horas “non é unha utopía. Xa existía hai non tanto. O problema non é a falta de recursos, senón a falta de vontade política”.
Concluíu apelando á responsabilidade da Cámara: “Isto non vai dun titular nin dunha campaña. Vai da nosa saúde e da sanidade pública que queremos para Galicia. Espero que hoxe esta Cámara estea á altura, porque hai moito en xogo. Galicia merece unha sanidade pública forte, digna e accesible”.