O BNG sumouse ao apoio da proposta, pero o voto en contra do PP provocou un empate
O Grupo Popular negouse esta tarde no Parlamento de Galicia a gardar un minuto de silencio polas vítimas do xenocidio de Gaza, rexeitando a solicitude presentada polo Grupo Parlamentario Socialista.
A proposta, defendida polo voceiro socialista José Ramón Gómez Besteiro, lembraba que:
“Nos últimos meses, e de maneira especialmente cruenta nas últimas semanas, milleiros de persoas inocentes —entre elas 20.000 nenos e nenas— foron asasinadas, os seus fogares arrasados e as condicións mínimas de vida destruídas. O Parlamento, como institución representativa do pobo galego, debe expresar a súa solidariedade coa dor que sofren milleiros de persoas, manifestar o noso rexeitamento a esta violencia indiscriminada e apoiar con firmeza os esforzos da comunidade internacional para acadar unha paz xusta e duradeira na rexión”
Na votación celebrada na Mesa do Parlamento, o BNG apoiou a proposta socialista, mentres que o PP votou en contra, provocando un empate ao non estar presente a deputada Elena Candia. A pesar de que un membro popular da Mesa votou en contra, o presidente do Parlamento alegou descoñecer a posición do Grupo Popular, tentando xustificar a parálise da decisión.
O empate non foi casual: os populares sabían de antemán que a ausencia de Candia impediría a aprobación da proposta, utilizando a situación para bloquear un xesto institucional de solidariedade co pobo palestino.