

Silvia Longueira reclámalle ao goberno galego que depure responsabilidades pola falla de xestión destas axudas no que fagan constar as que deixaron sen atender
A portavoz de Mocidade do Grupo Socialista, Silvia Longueira, afeoulle hoxe ao PP que se neguen a que a Xunta realice un informe sobre a xestión do Bono Alugueiro Mocidade. Longueira presentou unha proposición non de Lei en Comisión do Parlamento para reclamarlle ao goberno galego que depure responsabilidades pola falla de xestión destas axudas, pero foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego un listado coas solicitudes que quedaron sen resolver dentro do Plan estatal de acceso á vivenda 2022 – 2025 que remata este ano, e que dea conta da súa falla de xestión por parte dos órganos competentes da Xunta de Galicia. Ademais, reclamoulles que habiliten un mecanismo para “restituír a todos aqueles solicitantes que puidesen verse afectados pola falla de xestión das axudas”.
Longueira lembrou que o goberno galego deixou a milleiros de mozos e mozas sen estas axudas polo seu desastre de xestión en 2022 que foi feito público pola Oficina da Valedora do Pobo. Daquela se atoparon con 14.441 solicitudes, pero só puideron resolver 5.500 expedientes a final de ano, co que milleiros de rapaces e rapazas atopáronse meses despois con que perderan as axudas e sen capacidade de reclamar.
Apuntou que tamén houbo damnificados pola xestión dos fondos na convocatoria de 2024 por erros na tramitación. Reclamoulle ao goberno galego que presente un informe detallado do que ten acontecido coa xestión dunhas axudas que “proveñen do Estado e que por certo na Xunta e o PP venden como propias”.