
Os populares aceptaron unha proposta do PSdeG no marco do Debate do Estado da Autonomía para garantir a equidade na elección dos postos directivos das entidades artísticas
A deputada Silvia Longueira di que todos os compromisos do PP son “fume e fraude” e esixe ao Goberno galego que paralice xa o intento de funcionarización e abra un proceso aberto, público e transparente
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2026. Ao mesmo tempo que o PP aceptaba, no marco do Debate do Estado da Autonomía, transaccionar unha proposta do Grupo Socialista para garantir a equidade nos procesos de elección das direccións das entidades artísticas, a Xunta abría un procedemento de libre designación para o Centro Galego de Arte Contemporáneo, é dicir, a dedo.
“Pedimos na nosa proposta que a Xunta garantise a equidade nos procesos de selección, e o PP aceptouna recoñecendo así que ata agora actuaba de maneira discrecional”, sinalou a deputada socialista Silvia Longueira, que advertiu de que este compromiso “é, como tantas promesas do PP, fume e fraude, xa que o asumiron sabendo que nese momento o Goberno galego estaba a poñer en marcha un sistema de elección a dedo da xefatura do CGAC”.
A deputada esixe á Xunta que paralice de inmediato este proceso de intento de funcionarización do posto directivo Centro Galego, “unha decisión que liquida calquera posibilidade dunha dirección artística de calidade”, e reclama que cumpra o seu compromiso abrindo un procedemento aberto, público e transparente, conforme ao Código de Boas Prácticas de 2008, como lle está a esixir a Asociación de Directores de Arte Contemporánea de España (ADACE).
Silvia Longueira subliñou que a dirección artística nas institucións culturais, pola súa natureza, “debe rexerse por criterios de mérito, capacidade e independencia, e non por decisións pechadas nin designacións discrecionais, que é o que están a facer a acoutar o procedemento só a funcionarios porque teñen nulo respecto pola cultura”.