Os parlamentarios do PSdeG César Mogo e Patricia Otero aseguraron no Senado e no Congreso que o Executivo seguirá respectando os procedementos e recordaron que xa lle denegou subvencións á pasteira, como os fondos da liña 4 do Perte de descarbonización
O senador considera “difícil de entender” que o BNG reclamase nunha mesma iniciativa que, por unha banda, o Estado examine exhaustivamente o proxecto de Palas de Rei e, por outra, que o rexeite de antemán, sen atender a ningunha consideración xurídica
A deputada criticou ao PP por pedir “que se lle dean fondos si ou si aínda que non cumpra” e ao Bloque por esixir “que non se lle dean aínda que cumpra”, mentres o Goberno actúa “escrupulosamente” conforme á normativa
O senador César Mogo e a deputada Patricia Otero defenderon hoxe en ámbalas cámaras a actuación do Goberno central respecto do proxecto de Altri para a construción dunha planta pasteira en Palas de Rei. Durante a reunión da Comisión de Industria e Turismo que se celebrou no Senado, Mogo asegurou que o Executivo de Pedro Sánchez “é a garantía de que non se atentará contra o medio ambiente nin na provincia de Lugo nin en Galicia, nin por Altri, nin por outro proxecto”.
O senador do PSdeG, que comezou a súa intervención recordando á veciñanza de Barreiros e aos cinco brigadistas que sufriron queimaduras no incendio que se produciu nese municipio, cualificou de “difícil de entender” que o BNG levase a debate unha iniciativa na que, ao mesmo tempo, pedía “que o proxecto de Altri sexa examinado exhaustivamente” e, por outra banda, “que sexa rexeitado”, sen atender a ningunha consideración xurídica. Por iso, lamentou que o Bloque rexeitase unha emenda socialista a través da que se corrixía esa incongruencia.
César Mogo advertiu aos nacionalistas que non se pode defender o medio ambiente “a costa da legalidade e os procedementos”, senón todo o contrario. De feito, sinalou que o Goberno “xa o demostrou nos pasos que diu” respecto da pasteira. “Aos socialistas non nos gusta Altri. É máis, estamos en contra, e queremos ser prudentes co financiamento”, dixo antes de recordar que o Estado xa lle denegou unha subvención ao proxecto porque non cumpría os requisitos, mentres a Xunta aprobou a súa declaración de impacto ambiental.
En similares termos se expresou Patricia Otero na Comisión de Industria e Turismo do Congreso, que se celebrou tamén esta mañá. A deputada socialista, que, como Mogo, expresou ao inicio da súa intervención a súa solidariedade coas persoas afectadas polo lume de Barreiros, criticou que o proxecto actual de Altri “nada ten que ver co que presentou Feijoo”, nin en canto ao material que se pretende producir nin en canto ao número de empregos que se crearían.
A deputada socialista criticou as posicións tanto do PP como do BNG neste asunto. “Por unha banda temos ao Partido Popular, que pide que se lle dean fondos si ou si aínda que non cumpra, e por outra temos ao Bloque, que esixe que non se lle dean aínda que cumpra”, explicou. Fronte a iso, defendeu a posición do Goberno como “o garante de que se cumpra escrupulosamente” a normativa, porque, apuntou, é necesario “darlles a maior seguridade xurídica a todos os proxectos que permitan avanzar na reindustrialización de Galicia”. “Nós queremos esa reindustrialización, pero non a toda costa”, matizou, e lembrou que o PP, desde unha Xunta “que ten todas as competencias”, non fixo nada en materia de industria.
Para concluír, Otero remarcou que foi o Goberno central “o que lle denegou a Altri “os fondos da liña 4 do Perte de descarbonización”.