Luis Piña afirmou no Congreso que a nova infraestrutura “non é un luxo, senón unha necesidade vital que leva demasiado tempo pendente”, xa que ofrecerá unha alternativa á A-55, na que nas últimas dúas décadas houbo 4.000 accidentes, con 15 vítimas mortais
O deputado socialista Luis Piña defendeu hoxe na Comisión de Transportes do Congreso a construción do túnel da autovía A-52 entre O Porriño e Vigo como unha obra “fundamental” para Vigo e a súa área metropolitana. “Falamos de salvar vidas, de desenvolvemento económico e do benestar de milleiros de cidadás e cidadáns”, asegurou o parlamentario do PSdeG.
Piña cualificou de “grave e absolutamente insostible” a situación da A-55, a vía á que o proxecto debe dar unha alternativa. Repasou os datos que lle confiren o “tráxico título” de ser unha das estradas máis perigosas de España, cun tráfico de 63.000 vehículos diarios e case 4.000 accidentes, con 15 vítimas mortais, ao longo das dúas últimas décadas. “E cada semana segue alimentando unha estatística que supera a sinistralidade conxunta de Ourense e Lugo”, sinalou.
Por ese motivo, explicou que “a resposta non pode esperar” e que se debe executar o novo trazado da A-52. “Non é un luxo, senón unha necesidade vital que leva demasiado tempo pendente”, asegurou. A autovía servirá para mellorar a conectividade, a circulación e a seguridade nos accesos a Vigo, e demostra o “compromiso real e palpable” do Goberno de Pedro Sánchez “co progreso e a seguridade na zona”, dixo.
Nese senso, lamentou que, pola contra, haxa quen propón desbotar o proxecto en favor dunha alternativa “que non ten sentido”, como é a de “obrigar aos condutores a dar un rodeo de 20 quilómetros” pola AP-9. O túnel terá só 6, co que o tempo da viaxe se reducirá de 18 minutos a unicamente 4.
A opción da autoestrada é “inviable e perigosa, e só incrementará o risco de accidentes”, alertou Luis Piña, que recordou que o Goberno de Aznar estendeu a peaxe ata o 2048 e o PP non destinou nin un só euro á súa liberación nin a bonificacións.
O deputado socialista por Pontevedra mostrou o seu respecto polas entidades que fixeron críticas ao proxecto, ás que asegurou que “foi deseñado co máximo rigor técnico” e que todas as alegacións recibidas “están sendo analizadas para minimizar impactos negativos”. “O PP e o BNG meten medo con argumentos infundados”, criticou, e incidiu en que o túnel da A-52 “salvará vidas, mellorará a conectividade e permitirá un desenvolvemento económico clave para toda a área”, cun investimento de 390 millóns de euros por parte do Ministerio de Transportes.