Julio Abalde advertiu da incidencia que as verteduras ao mar teñen na calidade dunhas augas onde existe unha gran produción marisqueira, especialmente de mexillón
O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha iniciativa do Grupo Socialista a través da que se lle reclama á Xunta que colabore co Concello de Oleiros para completar o saneamento da zona de Lorbé, como tamén no resto de actuacións necesarias na rede de saneamento do municipio.
Julio Abalde sinalou a necesidade dun sistema de bombeo de augas residuais das instalacións portuarias de Lorbé, a depuradora, a cafetería e as vivendas, para así poder conectalas á rede xeral de colectores “e evitar os actuais vertidos que se producen no peirao”.
O deputado socialista lamentou que o enfrontamento entre Xunta e Concello estea a impedir o desenvolvemento desta actuación. Recoñeceu que as competencias de saneamento son municipais, pero apuntou que iso non é impedimento para que exista unha colaboración nese eido en numerosos municipios, “e incluso xa a houbo en obras en outros puntos de Oleiros”. “Non entendemos que nuns casos se faga e noutros non”, criticou Abalde sobre a negativa que, neste caso concreto, mantivo o Goberno de Rueda ata agora para chegar a un acordo co Concello.
Abalde explicou que na zona portuaria de Lorbé estanse vertendo augas residuais directamente ao mar “salvo nos casos nos que veciños e veciñas e empresas puxeron medios propios para evitalo”, mediante a construción de fosas sépticas. E iso prodúcese nun lugar onde existe unha gran produción marisqueira, especialmente nas bateas de mexillón. Con motivo das obras de construción da Vía Ártabra habilitouse unha tubaxe a través da que se poderían evacuar as augas, logo da instalación dun sistema de bombeo no porto, xa que “é necesario elevalas” para que alcancen a cota axeitada e, dese xeito, levalas ao saneamento municipal.
Ese proxecto “é necesario tanto para o porto como para o núcleo de poboación”, afirmou o deputado do PSdeG, e por iso as dúas administracións “teñen que ser capaces de falar e cooperar en beneficio da veciñanza”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
– “O parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a colaborar có Concello de Oleiros para a posta en marcha das actuacións necesarias para a dotación da rede de saneamento no municipio, incluíndo a zona portuaria de Lorbé”.