
Paloma Castro reclama políticas de apoio ao relevo xeracional no marisqueo, a mellora da conciliación, a integración da perspectiva de xénero e o recoñecemento social desta actividade
A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei que presentou a portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Paloma Castro, para reclamarlle á Xunta que integre a pespectiva de xénero nas políticas marisqueiras e recoñeza o “papel central das mulleres” nesta actividade. Castro instou á Xunta a garantir que as mariscadoras poidan desenvolver o seu traballo con “dignidade, valoración e igualdade real”.
A responsable socialista reclamou apoio ao relevo xeracional, a mellora da conciliación, a integración da perspectiva de xénero e o recoñecemento social do marisqueo, imprescindibles para corrixir desigualdades históricas e garantir o recoñecemento do papel das mulleres nesta actividade. Subliñou que “apostar polo marisqueo é, tamén, apostar pola xustiza de xénero no sector e no que as mulleres “non só estean presentes, senón plenamente representadas, escoitadas e recoñecidas.
Castro sinalou que máis do 90 por cento das mariscadoras a pé son mulleres, o que “amosa claramente o papel esencial que teñen neste sector” malia o que seguen a estar infrarrepresentadas nos órganos de dirección, polo que “apostar polo marisqueo é tamén apostar pola xustiza de xénero”. Co impulso a esta actividade, dixo, “Galicia preserva unha actividade esencial e avanza cara un modelo máis igualitario, sostible e respectuoso co legado das mariscadoras que, xeración tras xeración, fixeron do mar unha ferramenta de vida e resistencia”.
A proposta que aprobou hoxe o Parlamento reclámalle ao goberno galego “garantir a continuidade da actividade marisqueira e mellorar as condicións laborais e vitais das persoas mariscadoras, fundamental para asegurar a sustentabilidade dun sector estratéxico nos planos económico, social e ambiental”. Castro advertiu que o sector do marisqueo ten hoxe pouco máis de 4.500 traballadoras e traballadores censados, fronte ás máis de 7.000 que había a comezos da década pasada.
O acordo inclúe ademais unha diagnose actualizada da situación socioeconómica do sector, analizar as diferentes modalidades de marisqueo e as zonas máis afectadas para poñer en marcha axudas económicas para incentivar a incorporación de persoas novas e campañas de promoción e recoñecemento social do marisqueo como actividade esencial, digna e con futuro.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a implementar medidas que garantan a continuidade da actividade marisqueira e melloren as condicións laborais e vitais das persoas mariscadoras.
Entre as que se inclúan as seguintes: