
Paloma Castro denunciou que o Goberno de Rueda segue sen cumprir a maior parte das medidas que aprobou o Parlamento de Galicia en 2024 a proposta do PSdeG
A deputada esixiu unha estratexia educativa para previr a desinformación, recursos para o profesorado e campañas públicas de sensibilización
“A violencia dixital contra as mulleres non é casual nin espontánea. É unha estratexia que busca disciplinar, silenciar e frear os avances feministas, erosionando ao mesmo tempo a calidade democrática das nosas sociedades”. Con esta advertencia, a portavoz socialista de Igualdade, Paloma Castro, chamou a atención hoxe sobre a necesidade de que a Xunta asuma “un papel activo” fronte á desinformación e os discursos de odio contra as mulleres. Foi durante o debate en pleno dunha iniciativa do Grupo Socialista que contou co apoio unánime da cámara.
A deputada do PSdeG sinalou que a proliferación de contidos falsos e manipulados “está a constituír unha ameaza crecente para a igualdade entre mulleres e homes”. Nese senso, apuntou que o 70 % das denuncias en canles especializadas corresponden a ataques ás mulleres e que o 80 % das mozas entre 16 e 24 anos sufriron acoso nas redes sociais. “Unha de cada cinco nenas na Unión Europea sofre abuso sexual en liña”, engadiu.
Castro alertou de que o perigo que supoñen estes comportamentos é maior se se ten en conta quen consume ese tipo de contidos, porque case o 40 % das usuarias e dos usuarios de TikTok teñen entre 12 e 24 anos, “unha etapa crucial na construción da identidade persoal”.
Por iso, a parlamentaria socialista demandoulle ao Goberno do PP que poña en marcha unha estratexia educativa para a prevención da desinformación e dos discursos de odio por razón de xénero, dirixida especialmente á infancia e á mocidade, para a detección de comportamentos antifeministas non eido dixital. Pediulle tamén que cree materiais formativos e recursos didácticos para o profesorado e as familias, que faciliten a identificación de noticias falsas e a promoción da igualdade de xénero. Por último, esixiu que se impulsen desde a Administración autonómica campañas públicas de sensibilización, especialmente nas redes sociais, que visibilicen o impacto da desinformación sobre as mulleres e o feminismo e promovan valores democráticos e de igualdade.
Paloma Castro recordou que en novembro de 2024 o pleno do Parlamento galego aprobou por unanimidade unha proposición non de lei promovida polo Grupo Socialista na que se instaba ao Goberno de Rueda a poñer en marcha diversas medidas relacionadas co problema. Citou, por exemplo, a inclusión da educación afectivo-sexual nos proxectos curriculares dos centros de ensino obrigatorio, a creación dun programa de formación ao profesorado, o incremento dos programas de formación en igualdade en diferentes ámbitos, a actualización do protocolo de coordinación institucional fronte á violencia de xénero, o impulso de campañas de sensibilización, a presentación dun informe de seguimento do Plan galego contra a trata e a colaboración cos concellos na implantación do Protocolo de actuación contra as violencias sexuais. “Salvo estes dous últimos puntos, o resto están aínda pendentes”, criticou.
“A política de igualdade non está a calar, non chega como debera aos adolescentes”, afirmou para subliñar que cada vez máis rapaces “non están polo feminismo” pese a que si digan estar a favor da igualdade. “Enténdeno coma unha doutrina que tenta pór aos homes por enriba das mulleres, e esta situación fai necesaria unha resposta pública baseada na educación, na alfabetización mediática e na sensibilización social pon perspectiva de xénero”, asegurou.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a asumir un papel activo fronte á desinformación e os discurso de odio contra as mulleres, mediante as seguintes accións:
1.- Poñer en marcha unha estratexia educativa para a prevención da desinformación e dos discursos de odio por razón de xénero dirixidos especialmente á infancia e á mocidade, para a detección dos discursos antifeministas no ámbito dixital.
2.- Desenvolver materiais informativos e recursos didácticos para o profesorado e as familias que faciliten a identificación de noticias falsas e a promoción da igualdade de xénero.
3.- Impulsar campañas públicas de sensibilización, especialmente nas redes sociais, que visibilicen o impacto da desinformación sobre as mulleres e o feminismo e promovan valores democráticos e de igualdade.