Julio Abalde reclama que “deixen de utilizar aos veciños e veciñas como arma arreboladiza” e acorden unha solución que “non é nin excesivamente custosa nin difícil”
A Comisión de Obras Públicas do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para emprazar á Xunta e ao Concello de Oleiros que se coordinen para mellorar a seguridade viaria na estrada AC-173 que cruza o Couto. O parlamentario socialista Julio Abalde presentou esta iniciativa na que lle reclamou ás dúas administracións que “deixen de utilizar aos veciños e veciñas como arma arreboladiza”.
O responsable socialista explicou que os veciños e veciñas levan “anos” pedindo unha solución a esta estrada que divide en dous o núcleo do Couto sen pasos de peóns e cunha velocidade mínima de 70 quilómetros por hora. Pídenlle en concreto á Xunta que poña un paso de peóns, reduza a velocidade a 50 quilómetros por hora e que a lo menos sitúe un radar que garanta que os vehículos respecten o límite de velocidade.
Evidenciou que “hai propostas enriba da mesa” que “non son nin excesivamente custosas nin difíciles”, pero que “non se están a poñer en práctica” porque Xunta e Concello levan “moitos anos pelexando e lanzándose a pelota entre eles”. Explicou que mentres a Xunta pon como escusa que non pode poñer un paso de peóns nunha vía interurbana e ofreceulle ao Concello asumir a titularidade dun tramo da vía, este négase para non asumir o seu mantemento.
Reclamoulles “vontade política” porque, mentres Xunta e Concello seguen eludindo a súa responsabilidade, a inseguridade na vía continúa e “é continuo que algúns vehículos circulen cun notorio exceso de velocidade, poñendo en risco a peóns e outros usuarios”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento Galego insta á Xunta de Galicia a coordinarse co Concello de Oleiros para mellorar a seguridade viaria da estrada autonómica AC-173 no Couto de acordo coas solucións propostas polos técnicos de ambas administracións”.