Elena Espinosa apela á responsabilidade institucional do presidente da Xunta e lle reclama que se desmarque do boicot á cita iniciado polo PP
Gómez Besteiro preguntaralle a Rueda pola falla de eficacia das medidas da Xunta para afrontar a “emerxencia habitacional” que viven os galegos e galegas
A viceportavoz primeira do Grupo Socialista, Elena Espinosa, afeoulle hoxe ao presidente da Xunta que non teña comunicado a súa decisión de asistir á Conferencia de Presidentes do próximo venres. Logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do próximo Pleno do Parlamento, Espinosa foi clara: “Se -Rueda- non asiste quen está ausente é Galicia, e quedaremos fora de acordos moi importantes para os galegos e galegas”.
A responsable socialista chamou á responsabilidade do presidente da Xunta para que se desmarque da “estratexia de boicot” despregada dende o PP de Madrid e que vai contra os intereses de Galicia. Ademais, lembroulle as queixas reiteradas polas escasas convocatorias da Conferencia de Presidentes para reclamarlle a Rueda que “se aclare, para que quere conferencias de presidentes se despois non vai asistir” por seguir “facendo ruído en lugar de buscar solucións”.
Espinosa lembroulle que a Vivenda vai ser un dos temas centrais da Conferencia , polo que resulta incomprensible que o presidente galego siga detrás de Génova na súa “táctica habitual de obstaculizar”. Advertiu que si que terá que responder da falla de políticas de vivenda no Pleno da próxima semana porque será precisamente o eixo da pregunta ao presidente que presentará o portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro.
Besteiro obrigará ao presidente da Xunta que responda do “baleiro total e absoluto das políticas de vivenda” nos últimos 16 anos, así como da falla de medidas eficaces para resolver un problema inmediato que ten levado a máis de 21.700 galegos e galegas a apuntarse no rexistro de demandantes de vivenda protexida e que están sen atender. Espinosa subliñou que Galicia está a vivir unha auténtica “emerxencia habitacional” que o goberno galego está a desatender.
O Pleno da próxima semana incluirá tamén a votación da candidata do PP a dirixir a antiga CRTVG, que Espinosa cualificou de “triste nomeamento para a transparencia do que debera ser o máximo expoñente dos medios de comunicación de Galicia”. Lamentou que a súa traxectoria como responsable dos servizos informativos na etapa máis escura da falla de pluralidade e control político fai que os socialistas galegos se posicionen “clarisimamente en contra” da designación.
Ofensiva arancelaria
Espinosa explicou que a sesión da próxima semana incorporará unha moción do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que poña en marcha medidas para protexer aos sectores económicos galegos máis expostos á ofensiva arancelaria despregada polo presidente Trump. Tamén incluirán unha proposición non de Lei para instar ao goberno galego a que constitúa o clúster da industria de defensa para situar a Galicia como Comunidade Autónoma líder en Defensa.
A responsable socialista anunciou que os socialistas galegos presentarán unha proposta para reclamarlle á Xunta que reverta o desmantelamento das unidades post covid, que está a deixar desatendidos a tódolos galegos e galegas que padecen do covid persistente. Tamén presentarán unha Interpelación para reclamarlle á conselleira de Medio Rural que responda da desorganización da campaña de incendios, que vai comezar de maneira inminente.
O Grupo Socialista presentará finalmente tres preguntas orais sobre a decisión do goberno galego de suprimir o Máster de Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela, as reformas estruturais nos centros de ensino de Betanzos e a recuperación da unidade de Educación Infantil do CEIP San Clemente de Caldas de Reis.