Paloma Castro criticou que os populares unicamente “fan que fan para pasar páxina” tras a resposta social que espertou o ano pasado a morte dunha persoa debido a unha agresión
A portavoz socialista de Deportes no Parlamento galego, Paloma Castro, criticou esta mañá en pleno a falta de ambición da modificación da Lei do Deporte de Galicia que o Partido Popular levou hoxe á Cámara para a súa toma en consideración e na que os socialistas se abstiveron. A deputada do PSdeG advertiu que nun asunto de tanta importancia como é o da violencia, a iniciativa que presentaron os populares “é tan raquítica que non vai á raíz do problema, senón que se limita a reforzar a potestade sancionadora da Xunta”.
Castro ve nesa actitude “puro postureo”, xa que o PP pretende “facer que fai para pasar páxina despois da resposta social que se iniciou hai case un ano”, tras unha agresión que causou a morte dunha persoa. O que se evidencia, lamentou, é que para os populares “o deporte segue sendo secundario” e non o ven como un espazo “clave” para promover valores. Pola contra, defendeu o “potencial educador” da actividade deportiva como unha ferramenta “poderosa” para reforzar valores sociais, especialmente entre a xente nova.
A parlamentaria socialista denunciou tamén que “esta brevísima modificación” chegase ao pleno logo de que diferentes propostas presentadas pola oposición fosen rexeitadas “sistematicamente”. Tamén que, por enriba, se fixese “de costas ás federacións”. “O de consensuar as cousas non entra dentro das opcións”, recriminoulles aos populares.
Paloma Castro afondou no problema da violencia para reclamar que a reforma legal vaia “máis aló”. Por exemplo, para analizar se a Comisión de control realiza as tarefas que lle corresponden. Entre elas citou a recollida, o estudo e a publicación de datos, que agora non se atopan “en ningures, nin no portal de transparencia da Xunta, nin no DOG, nin na web de Deporte da Xunta”.
Tamén botou en falta a elaboración e difusión de programas de prevención. “Salvo o protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes aprobado en 2024, non hai nada”, afirmou. “A Xunta anunciou a principios de ano un plan complementario en colaboración coas federacións, e aínda non soubemos nada”, engadiu. E respecto dese protocolo do ano pasado sinalou a inexistencia de datos sobre os seus resultados nin avaliacións que midan o seu grado de cumprimento. “Nada que permita saber se esta medida está a ser efectiva”, remarcou.
En canto ás denuncias, asegurou que os procedementos sancionadores son, salvo en casos graves, “moi lentos”, de xeito que “perden a súa efectividade”. Por ese motivo botou en falta que na modificación da lei se contemple o cumprimento duns prazos de tramitación e resolución.
Por outra banda, propuxo a inclusión de regras de bo goberno e transparencia “en consenso coas federacións deportivas”, co fin de atallar prácticas como a corrupción, a dopaxe, a manipulación de resultados ou a discriminación. Por último, reclamou que a lei galega, do 2012, se adapte á Lei do Deporte aprobada en 2022 polo Goberno de Pedro Sánchez, de modo que se “promovan accións en favor da igualdade real”.