
Carlos López Font denunciou que o cambio normativo facilitou a discrecionalidade: “A Xunta decide unilateralmente quen gaña e quen perde, que concesións se prorrogan e que empresa é estratéxica, o que xera dúas ameazas evidentes: opacidade e favoritismos”
O deputado socialista Carlos López Font cualificou hoxe de “perigosa e inaceptable” a modificación da Lei de Portos “escondida” na Lei de Medidas Fiscais e Administrativas 2025, de acompañamento dos Presupostos autonómicos, que impulsou o Goberno de Rueda. Durante unha intervención en comisión, criticou que non se tratou dunha simple cuestión técnica, senón dun “cambio de modelo” co que se ampliou a duración das concesións ata 75 anos e darlle máis poder á Xunta, “e todo iso sen debate sectorial nin participación pública”, como tampouco informes ambientais.
O parlamentario do PSdeG denunciou esa “falta de transparencia” como “un ataque directo ao control parlamentario”. Por enriba, advertiu, non existiu “ningunha xustificación sólida” para evitar un debate específico sobre política portuaria.
Para Font, o texto carece de criterios obxectivos para outorgar concesións por períodos de ata 75 anos. Criticou que se fale de “investimentos importantes” e de “actividades estratéxicas” sen definir eses conceptos e denunciou que “cando non hai criterios claros, o que hai é arbitrariedade”.
Así, “a Xunta decide unilateralmente quen gaña e quen perde, que concesións se prorrogan, que empresa é estratéxica, que porto merece 75 anos e cal non, o que xera dúas ameazas evidentes: opacidade e favoritismos, e un posible trato desigual entre concesionarios e usuarios do litoral”, asegurou. López Font sinalou que a reforma permite “construír procedementos ad hoc, á medida de determinados intereses”, transformando á autoridade portuaria en parte interesada en vez de actuar coma árbitro.
O deputado socialista referiuse tamén ás implicacións ambientais e de ordenación dun litoral galego que está “baixo enorme presión”, con perda da biodiversidade, contaminación nas rías e impactos paisaxísticos. “Ampliar concesións de uso privativo ata 75 anos en zonas especialmente sensibles pode converterse nunha decisión irreversible a escala xeracional”, apuntou. A ese problema engadiu que o procedemento actual non obriga a realizar unha avaliación ambiental estratéxica, á participación cidadá e á elaboración de informes independentes.
Unha “privatización encuberta do litoral”
“A reforma bebe da mesma filosofía de ser xenerosos cos usos compatibles que estamos vendo no litoral desde que o Goberno galego asumiu as competencias”, dixo sobre o feito de que se está a flexibilizar a ocupación do dominio público marítimo-terrestre, “construíndo un modelo de litoral privatizado, fragmentado e o servizo dunha estratexia partidista, non de país”.
Pola contra, defendeu unha política portuaria “seria e participada”, na que calquera ampliación das concesións se faga con transparencia, debate parlamentario, criterios públicos e obxectivos, avaliación ambiental rigorosa e garantía de retorno social, co fin de manter equilibrio entre a actividade económica e a protección ambiental. Reclamou tamén seguridade xurídica, con “regras claras e iguais para todos, sometidas ao control público”, fronte a unha “privatización encuberta do litoral”.